Unha actualización para o Nokia Lumia 800 mellora a súa autonomía

mércores, 7 de marzo do 2012 Marcus Fernández

As primeiras versións do software de moitos dispositivos de electrónica de consumo padecen de defectos que van solucionándose paulatinamente, o que no caso dos teléfonos móbiles e tablets parece ser moito máis frecuente do que nos gustaría, pero cando as correccións chegan, poden mudar extraordinariamente a percepción que se ten dun dispositivo, como parece que vai pasar co Nokia Lumia 800, que vén de estrear unha actualización de software (versión 1600.2487.8107.12070) que prometía melloras na autonomía do móbil, pero dificilmente podía preverse que a mellora fose tan substancial, pois hai usuarios que informan de que tras a actualización o terminal case triplica a súa autonomía.
Coa nova versión do firmware do Nokia Lumia 800 optimizaríase o uso do nivel de brillo da pantalla, o que supón un consumo moi inferior, e tamén corrixe elementos como o balance de brancos da súa cámara e mellora a resposta dos baixos na reprodución de son. Parece que os minutos que leva a actualización son un bo investimento para os propietarios do móbil de referencia de Windows Phone 7.5.

PUBLICIDADE