Unha adaptación para a cesta da compra e unha aplicación para previr a atrofia muscular, premiados no CITIC

mércores, 4 de decembro do 2024 S. P.

Na xornada deste mércores 4 de decembro concluíu a competición europea organizada no CITIC, coa entrega de premios ás mellores solucións tecnolóxicas para a inclusión de persoas con discapacidade. O primeiro premio foi para o equipo Muscle Guardians, que presentou unha innovadora aplicación personalizada para previr a atrofia muscular, adaptando os exercicios ás características individuais do usuario e permitindo unha rehabilitación máis efectiva.
O segundo premio foi outorgado ao grupo 3D Makers-Ripers, pola súa serie de solucións accesíbeis, entre elas unha adaptación para a cesta da compra deseñada para persoas en cadeira de rodas, que mellora a autonomía nas compras cotiás, ademais dun abrelatas accesíbel para persoas cunha soa man e un soporte para paraugas para facilitar o seu uso en cadeira de rodas.
O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña acolleu entre o 2 e o 4 de decembro o em>hackaton europeo que reuniu a equipos de traballo multidisciplinarios para desenvolver solucións innovadoras que melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade. Organizado polo CITIC coa colaboración a Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), este evento contou coa participación de entidades internacionais como Vilniaus Kolegija (Lituania), Creative District (Bélxica) e Technicka Univerzita v Kosiciach (Eslovaquia). Durante tres xornadas as persoas participantes traballaron en equipo para abordar desafíos prácticos relacionados coas necesidades diarias das persoas con discapacidade. Estes retos, identificados por estas mesmas persoas en colaboración cos socios europeos e as entidades colaboradoras, inclúen a creación de ferramentas e dispositivos que promovan a independencia e a inclusión, como adaptacións para persoas usuarias de cadeiras de rodas, un abrelatas multifuncional que poida manexarse cun só brazo, e solucións tecnolóxicas que melloren a accesibilidade.
Mellorar a accesibilidade a través da tecnoloxía
O hackaton que acolle esta semana o CITIC forma parte do proxecto Erasmus Design2Freedom, coordinado por COCEMFE, cuxo obxectivo é promover a accesibilidade e a inclusión de persoas con discapacidade mediante o uso de tecnoloxías. O grupo de investigadoras do CITIC, que participa neste proxecto, está comprometido coa investigación e o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas sen barreiras. Nas actividades previas do proxecto, como as xornadas formativas celebradas en Madrid, o Grupo TALIONIS da UDC compartiu a súa experiencia en áreas como impresión 3D, software de comunicación e ferramentas para a creación de contidos dixitais accesíbeis.
A iniciativa está centrada na persoa e o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas que poidan ter un impacto positivo na vida cotiá das persoas con discapacidade. A colaboración entre universidades, investigadores e entidades sociais internacionais contribúe á creación dunha contorna sen barreiras e equitativa para todas as persoas.