Unha campaña de micromecenado facilitará que The Waylanders teña xogo de mesa

martes, 2 de outubro do 2018 Marcus Fernández

Cando o estudio coruñés Gato Salvaje anunciou o seu novo proxecto, The Waylanders, deixou clara a súa intención de que este videoxogos fose máis aló da pantalla de ordenadores e consolas, e un bo exemplo disto é a campaña de micromecenado que está a piques de rematar en Kickstarter e que xa superou a súa meta grazas ao apoio de máis dun milleiro de mecenas que permitirán así que vexa a luz o xogo de mesa de The Waylanders.
Estamos ante un xogo de taboleiro de Eclipse Editorial que colle as bases do videoxogo de Gato Salvaje para ofrecernos un rico campo de batalla chamado Brigantia, enclave lendario dos celtas e capital dunha época mítica poboada por razas antigas, ateigada de lugares de poder e portais a reinos de misterio.
Este xogo de combate táctico e competitivo para de 2 a 4 xogadores permite formar unha banda de 5 aventureiros que terán que medir ben os seus movementos para completar os seus obxectivos, derrotar aos seus opoñentes e facerse coa vitoria en partidas de entre 60 e 90 minutos. Ofrecerase en inglés e español e está recomendado para maiores de 12 anos.
O xogo ofrecese en Kickstarter a un prezo de 69 dólares (uns 60 euros) aos que habería que engadir gastos de envío (5 euros), confiándose en que os envíos do xogo de taboleiro de The Waylanders comecen entre xullo e setembro de 2019.

Vídeo promocional do xogo de mesa de The Waylanders

PUBLICIDADE