Unha curta rodada integramente cun iPhone 5 imponse na sección Phonetastic de Sitges

mércores, 23 de outubro do 2013 Redacción

Finalmente a curtametraxe The other side, presentada no festival de cinema de Sitges co engadido extra de ser un filme rodado integramente cun iPhone 5, impúxose co primeiro galardón na sección na que competía no certame da vila catalá, a Phonotastic. A obra, unha historia de terror rodada no concello de Mura (Barcelona), veu da man do director zaragozano Conrad Mess e contou coa base literaria da escritora Marina Gómez (The other side baséase nun relato de seu). Deuse a circunstancia de que por primeira vez en Sitges habilitábase unha sección dedicada a amosar as máis recentes producións dos xéneros de terror e fantástico rodadas con teléfonos móbiles. O xurado estaba integrado por Glòria Fernández, Mike Hostench e Diego López.
The other side tomou como base o teléfono móbil (con software FilmicPro para iPhone) e rodouse nun set de máis de 40 metros cadrados con croma e recreando todos os elementos por computador con técnicas CGI e 3D. “O resultado”, sinala o seu director, “é unha inquietante curta con estética vitoriana e fondos xerados en 3D, adobiados con estilo de cómic de terror”. The other side realizouse usando as mesmas técnicas de rodaxe dunha curtametraxe de gran formato, pero de maneira exclusiva pensando en Phonetastic.