Unha empresa luguesa axuda a atopar restaurantes e menús a través da Internet

martes, 22 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Este serán presentouse oficialmente no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo a páxina web menus.es (e a súa aplicación para móbiles Android), que busca ser pioneira no sector en España como buscador de menús e cupóns de desconto para restaurantes xeolocalizados, aínda que xa están a preparar o seu salto a México, Colombia, Francia e Portugal.
Menús.es naceu coma un proxecto de 5 emprendedores lugueses, e xa leva preto dun ano en funcionamento, tempo no que logrou sumar máis de 6.000 restaurantes de toda España á súa plataforma na que poden consultarse os seus menús, os prezos e mesmo os cupóns de desconto, converténdose nunha ferramenta de grande utilidade para turistas ou para quen viaxa por traballo.
Esta iniciativa naceu no Viveiro de Empresas da Fundación C.E.L., partindo de 5 socios promotores, dos que Roi Correa comentou durante a presentación do seu proxecto empresarial que «a día de hoxe en España non hai nada igual», comentando tamén que aínda «hai cousas que mellorar», pero que a pesares de estarmos ante unha iniciativa recente, rexistraron máis de 5.000 visitas algún día, o que consideran todo un éxito.

PUBLICIDADE