Unha reforma lexislativa pretende frear os bloqueos de LaLiga

xoves, 30 de abril do 2026 Redacción

A Comisión de Economía, Comercio e Transformación Dixital do Congreso aprobou unha iniciativa non lexislativa orientada a frear os bloqueos masivos de enderezos IP derivados de actuacións xudiciais contra a piratería audiovisual, unha práctica que ten provocado caídas de servizos dixitais alleos aos contidos infractores. A proposta foi impulsada por ERC e finalmente pactada co PSOE, co apoio de Sumar, Bildu, PNV e Compromís, mentres que o PP e Vox votaron en contra e Junts non participou na sesión.
A iniciativa non implica cambios legais inmediatos, mais fixa unha folla de ruta para futuras reformas. O texto sitúa como marco de actuación a modificación da Lei de Servizos Dixitais, actualmente en tramitación no Congreso, onde se prevé introducir cambios mediante emendas.
O acordo entre PSOE e ERC contempla a incorporación do principio de proporcionalidade tecnolóxica, a graduación das medidas de bloqueo e a consideración efectiva de terceiros á hora de executar resolucións xudiciais. O obxectivo é evitar que as actuacións contra contidos ilícitos teñan efectos colaterais sobre servizos lexítimos que comparten infraestruturas dixitais.
A proposta tamén reforza a protección de dereitos como o acceso á información, a liberdade de expresión e a innovación no ámbito dixital, de forma que estes sexan tidos en conta fronte a medidas tecnolóxicas que poidan afectar a servizos de terceiros, especialmente aqueles de carácter gratuíto, sen ánimo de lucro ou vinculados a servizos públicos. Ademais, prevese mellorar a avaliación do impacto destas ordes de bloqueo e a coordinación entre actores implicados para evitar afectacións indebidas.
ERC defendeu a iniciativa denunciando casos nos que a execución de sentenzas vinculadas a LaLiga provocou a interrupción de servizos dixitais alleos á piratería, como a plataforma Transporta’m, empregada para consultar o estado das infraestruturas de transporte. Tamén se mencionaron situacións nas que aplicacións de uso persoal ou asistencial quedaron inoperativas por compartir infraestrutura con servizos sinalados nas operacións de bloqueo.
O Partido Popular, aínda que votou en contra, coincidiu na necesidade de mellorar a proporcionalidade na execución destas medidas. O grupo parlamentario anunciou a presentación de emendas para introducir obrigas específicas tanto para plataformas intermediarias como para provedores de infraestruturas compartidas, co fin de lograr bloqueos máis precisos e evitar efectos sobre terceiros alleos aos contidos investigados.