Unha resolución xudicial confirma que Google é un monopolio na publicidade na web

luns, 21 de abril do 2025 Redacción

A División Antimonopolio do Departamento de Xustiza dos Estados Unidos está a celebrar a súa segunda vitoria nun caso de monopolio contra Google. No proceso Estados Unidos et al. v. Google, o Tribunal de Distrito para o Distrito Leste de Virxinia determinou que Google violou a lexislación antimonopolio ao monopolizar os mercados de publicidade dixital na web aberta. Segundo o tribunal, Google «prexudicou os seus clientes editores, o proceso competitivo e, en última instancia, os consumidores de información na web aberta».
«Esta é unha vitoria histórica na loita continua por impedir que Google monopolice o espazo público dixital», declarou a fiscal xeral Pamela Bondi. «Este Departamento de Xustiza continuará adoptando medidas legais decididas para protexer o pobo estadounidense das ameazas ás liberdades de expresión e ao mercado libre por parte das grandes tecnolóxicas.»
A resolución chega tras un xuízo de quince días celebrado en setembro de 2024 no Tribunal de Distrito para o Distrito Leste de Virxinia. En xaneiro de 2023, o Departamento de Xustiza, xunto coas fiscalías xerais de varios estados e do estado de Virxinia, presentaron unha demanda civil antimonopolio contra Google por monopolizar tecnoloxías clave de publicidade dixital, coñecidas como ad tech stack, das que dependen os editores de sitios web para mercar e vender anuncios que chegan a millóns de persoas. Segundo a denuncia, a través dunha serie de adquisicións e da manipulación anticompetitiva das poxas, Google subverteu a competencia durante máis de quince anos. Como resultado da súa conduta excluínte e contraria á competencia, Google neutralizou ou eliminou os seus competidores no sector da tecnoloxía publicitaria.
Queda agora por ver as consecuencias deste fallo xudicial, pois as sancións poden chegar a ser estruturais (obrigando a Google a vender parte do seu negocio publicitario ou a mudar o seu modelo).
Curiosamente unha das entidades máis preocupadas polas futuras sancións é a Fundación Mozilla, xa que as sancións poderían pechar a billa á súa principal fonte de financiamento (pois integran Google no seu navegador web, o que lles permite recibir ingresos publicitarios), e temen que Firefox e o motor Gecko poidan perigar, o que sería catastrófico para a web aberta, xa que deixaría a tecnoloxía de navegación web unicamente en mans dos xigantes tecnolóxicos.