Unha vintena de investigadores de diversos países participaron na Semana de Proxectos Internacionais do CITIC

luns, 28 de outubro do 2024 S. P.

O Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña finalizou o pasado venres 25 de outubro a Semana de Proxectos Internacionais (WIPO Week), iniciativa na que participaron 19 asistentes de 8 países europeos dos máis variados sectores. Concorreron nunha serie de actividades deseñadas para fomentar a colaboración e o intercambio de coñecementos no ámbito dos proxectos internacionais de investigación.
As persoas participantes, procedentes de centros de investigación, universidades, fundacións, empresas tecnolóxicas, spin-offs e consultoras especializadas, as e os investigadores traballaron conxuntamente na identificación de sinerxías e oportunidades de cooperación en proxectos europeos ao longo dos últimos cinco días.
A semana comezou cunha serie de presentacións individuais e unha visita ás instalacións do CITIC, seguida de actividades colaborativas en contornas informais como o walk and talk na cidade da Coruña ou un obradoiro de análise de sinerxías e identificación de oportunidades mediante a metodoloxía innovadora de LEGO Serious Play, onde as persoas asistentes exploraron novas formas de cooperación interdisciplinaria. Así mesmo, tiveron a oportunidade de coñecer outros centros de investigación da Universidade da Coruña como o CITENI, o CICA e o CITEEC.
A Semana de Proxectos Internacionais contou ademais cun Info Day centrado na participación nas convocatorias de 2025 do programa Horizon Europe. Esta xornada, organizada polo CITIC en colaboración coa Oficina de Captación de Persoal Investigador (OCPI) da UDC e da Fundación CITIC, foi o xoves 24 e incluíu talleres e charlas impartidas por unha persoa experta en proxectos europeos. Na sesión repasáronse as principais agrupacións industriais do Pilar II de Horizonte Europa, abranguendo áreas clave tales como a saúde, a seguridade civil, o clima ou a enerxía.
Fontes do CITIC explicaron que a Semana de Proxectos Internacionais reflectiu “o compromiso do centro coruñés coa transferencia de coñecemento e a colaboración científica de alto impacto a nivel global, proporcionando un espazo único para que persoal investigador, xestor e empresas compartan experiencias, establezan contactos e desenvolvan proxectos conxuntos no marco de Horizon Europe e outras iniciativas internacionais”.