Unha web lanzada por Carlos Fernández Lozano (CITIC) permite consultar a evolución do COVID-19

mércores, 15 de abril do 2020 S. P.

Seguen chegando partes informativos sobre a cruzada do Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña contra o COVID-19 e as súas consecuencias. Unha das frontes abertas é a fronte do investigador Carlos Fernández Lozano, que puxo en marcha unha web para facer monitoraxe da evolución do coronovirus, co fin de incrementar coas máis avanzadas tecnoloxías de análise de datos a gran escala o noso coñecemento sobre o COVID-19. Segundo vén de informar o CITIC, a páxina xa inclúe predicións de evolución.
Esta plena operatividade do sitio en liña é unha realidade grazas á participación dun grupo de máis de 50 profesionais da Estatística, Matemática e Ciencia de Datos de diferentes universidades españolas nunha iniciativa promovida pola Acción Matemática contra o Coronavirus do Comité Español de Matemáticas (CEMat), cuxo grupo de expertos, dirixido polo tamén investigador do CITIC Ricardo Cao, lanzou os días pasados un chamamento á comunidade científica para participar nesta iniciativa.
A formula establecida para ter parte activa na Acción Matemática contra o Coronavirus foi de propor un protocolo de actuación conxunta para que as persoas que realizasen modelos de predición dalgunha variábel (como por exemplo número de ingresos na UCI, número de hospitalizacións, cifra de falecementos, etc.), envorcasen os datos nun arquivo conxunto de predicións.
Así, grazas á participación de máis de 50 especialistas de diferentes universidades españolas, xa se puido incluír na páxina web unha ferramenta de predicións cooperativas, baseada en combinacións optimizadas de prognósticos dos diferentes modelos e algoritmos, desagregadas por Comunidades Autónomas.

PUBLICIDADE