Vero podería converterse nun grande competidor de Instagram

martes, 27 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Competir con plataformas como Facebook ou Twitter semella algo complicado actualmente, principalmente pola súa enorme base de usuarios, pero iso non impediu a chegada de axentes como Instagram, que partían dunha orientación semellante, centrada no móbil, e precisamente pola mesma senda está a emerxer Vero, unha plataforma nacida en 2015 e que até as pasadas semanas non conseguiu grande visibilidade.
Esta plataforma non está orientada á web, senón que para participar temos que instalar a súa aplicación para iOS ou para Android, buscando diferenciarse especialmente polo xeito de compartir contidos, xa que dá unha especial importancia á privacidade, de xeito que en cada publicación temos que elixir se queremos chegar con ela a amigos íntimos, amigos, coñecidos ou seareiros, mantendo así un grande control sobre quen pode ver a información compartida. As publicacións tamén poden compartirse simultaneamente a través de Twitter e Facebook.
Vero presenta unha interface que pode lembrar a Instagram, pero non se limita a compartir fotografías e vídeos, senón que tamén insta a compartir ligazóns, música (permitindo reproducir un anaco de mostra achegado por Apple Music), películas, series de televisión, libros e lugares; contidos que poderemos agrupar en coleccións.
Esta ferramenta tamén conta cun chat, para poder intercambiar mensaxes cos contactos, e sección de busca para poder localizar contidos compartidos publicamente, entre os que tamén faise uso de cancelos, deixando claro que esta plataforma busca resultar familiar aos usuarios das plataformas sociais actuais, aos que queren atraer con varios reclamos como que os contidos non son filtrados por algoritmos (como agora acontece con Facebook e Instagram), carece de publicidade e pretenden cobrar no futuro algún tipo de subscrición, aínda que o primeiro millón de usuarios estaría libre a perpetuidade de pagar.
Con eses alicerces non parecía que esta plataforma fose a despegar, pero curiosamente a aplicación pasou de acumular 600.000 descargas en toda a súa vida e superar o medio millón de descargas ao día, o que parece ser consecuencia da actividade de certos influencers, que están a fuxir de Instagram ante o impacto que teñen na súa visibilidade os algoritmos de Instagram, e que pretenderían recuperar o seu status promovendo plataformas que se manteñen máis puras.
O crecemento de Vero está a ser meteórico, o que provoca numerosos problemas á hora de darse de alta e interactuar coa plataforma, o que posiblemente se arranxe en poucos días, unha vez que se escalen debidamente os sistemas do servizo, cando poderemos ver se realmente estamos ante un competidor sólido de Instagram.