Verónica Bolón, investigadora do CITIC, nos actos conmemorativos do Día da Muller e a Nena na Ciencia

martes, 9 de febreiro do 2021 Redacción

A investigadora do CITIC Verónica Bolón moderará o seminario Xeración de coñecemento desde unha perspectiva de xénero, organizado con motivo do Día da Muller e a Nena na Ciencia pola Academia Joven de España (AJE), entidade na que Verónica Bolón é académica de número. O seminario realizarase de forma online este 12 de febreiro en horario de 17.00 a 18.00 horas e terá como relatoras á directora de Identidade Dixital da Universidade de Deusto, Lorena Fernández Álvarez, e a directora do Instituto de Filosofía do CSIC, Concha Roldán.
A actividade abéirase a uns dos grandes obxectivos da Academia Nova de España, que pasa pola promoción e a reivindicación da ciencia incorporando a perspectiva de xénero.
Segundo lembran dende o Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia celébrase cada ano o 11 de febreiro co fin de “lograr o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e as nenas, promovendo o seu empoderamento e buscando a igualdade de xénero”.

PUBLICIDADE