A UDC acadou este ano tres novos Premios Nacionais de Informática

luns, 1 de xuño do 2020 S. P.

JPEG - 336.5 KB
O investigador Danivel Valcarce, premiado nesta edición dos galardóns

A Universidade da Coruña, tal e como avanzamos os días pasados dende Código Cero, foi unha das grandes protagonistas da nova edición dos Premios Nacionais de Informática, logo do éxito logrado en anteriores convocatorias pola institución educativa galega, que viu como os devanditos galardóns recoñecían o importante labor de Nieves Brisaboa en 2019 e o de Ramón Doallo e David Vilares en 2018. Agora, tal e como nos lembra a UDC, foi a quenda da spin-off Torusware, impulsada por investigadores do CITIC (Ramón Doallo, Juan Touriño e Guillermo López) e dos alumnos titulados Adrián Pérez Diéguez e Daniel Valcarce. Todos (amais de Senén Barro, director científico do CiTIUS da USC) eles veñen de ser recoñecidos nos Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España (SCIE)-Fundación BBVA, os máis prestixiosos galardóns que se entregan no eido estatal en materia de Enxeñaría Informática.

Torusware

A empresa participada pola UDC Torusware gañou o Premio Ramón Llull pola súa actividade no ámbito da computación de altas prestacións e a súa aplicación ao procesamento de grandes volumes de datos, o seu dinamismo e aposta pola I+D+i e polo seu impacto nacional e internacional. Torusware está especializada na análise, deseño e implantación de plataformas de alto rendemento para análise de datos e calidade de software en ámbitos de servidores corporativos e na nube. Para a firma, este premio “supón o recoñecemento a nosa aposta pola especialización, posto que nos dedicamos a proxectos moi específicos de alto valor engadido”. Tanto o profesor Guillermo López como Doallo e Touriño son investigadores do Grupo de Arquitectura de Computadores na Facultade de Informática e desenvolven a súa investigación no Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e da Comunicación da UDC.

Adrián Pérez Diéguez e Daniel Valcarce Silva

JPEG - 89.7 KB
Adrían Pérez tamén logrou outra das máis grandes distincións estatais no eido da informática

Adrián Pérez e Daniel Valcarce foron premiados na modalidade de Premios Investigadores Informáticos Novos. Adrián Pérez Diéguez foi distinguido “polas súas contribucións á computación de altas prestacións (HPC) que permiten procesar grandes volumes de datos (Big Data) mediante a adaptación de algoritmos para a súa execución en arquitecturas heteroxéneas”. Este premio é o resultado da súa investigación no período de doutoramento na UDC entre os anos 2014 e 2018 no eido da Computación de Altas Prestacións, concretamente nas tarxetas gráficas. “Na investigación levada a cabo, ofrécese un xeito eficiente e sinxelo de executar moitas operacións informáticas complexas pero moi comúns en diversas disciplinas, sobre tarxetas gráficas das que fan uso os supercomputadores modernos pensados para procesar grandes volumes de datos. Así, calquera científico ou programador pode facer uso destas operacións sen ter coñecemento específico en tarxetas gráficas, resultando en que diferentes operacións de información a gran escala, das comunicacións e da Intelixencia Artificial poden executarse moito máis rápido e contribuír así de cara ao avance tecnolóxico da sociedade”, explica o doutor en Enxeñaría Informática Pérez Diéguez quen resalta que “este mérito é compartido cos meus directores de tese e a xente do Matsuoka Lab do Tokyo Institute of Technology, centro onde fixen dúas estancias, pois todos eles aportaron coñecemento na miña investigación”. Desde febreiro de 2019 traballa como Digital-Marketing Data Lead en Zara.com (Inditex).
Pola súa banda, Daniel Valcarce Silva, enxeñeiro de software en Google foi recoñecido “polas súas achegas no eido da recuperación de información e os sistemas de recomendación, que se reflicten nas súas publicacións de primeiro nivel, e que o levaron a formar parte dun equipo internacional que traballa na mellora de asistentes persoais utilizando técnicas de linguaxe natural e aprendizaxe automática”. Este premio, sinala a UDC, pon en valor a súa tese de doutoramento no campo da recuperación de información e os sistemas de recomendación. Segundo explica Valcarce, “a recuperación de información estuda como organizar e buscar en grandes cantidades de datos como fan, por exemplo, os motores de procura web. Doutra banda, os sistemas de recomendación proporcionan suxestións baseadas nos gustos dos usuarios. As plataformas de vídeo, de música ou de comercio electrónico fan un uso extensivo destes sistemas de recomendación”.
A tese de Daniel Valcarce centrouse en explorar nexos de unión entre ambas as dúas disciplinas para desenvolver algoritmos máis precisos ou máis eficientes dende o punto de vista computacional. O doutor en Enxeñaría Informática engade que esta distinción “non só é froito do meu esforzo persoal senón que tamén recoñece o gran labor investigador do IRLab [Information Retrieval Lab]”, grupo de investigación da UDC onde realizou a súa tese.

PUBLICIDADE