Vigo acolle a estrea do videopodcast Somos Acubillo, un xeito de visibilizar a desigualdade social
venres, 16 de maio do 2025
A pegada da desigualdade social na vida das persoas é evidente, así se amosou onte na estrea do videopodcast Somos Acubillo que tivo lugar en Vigo. Sinalar que este proxecto está deseñado por Agareso (Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social), en colaboración con Provivienda, que conta coa colaboración de Fundación a Caixa a través da convocatoria de proxectos sociais Galicia 2024.
Un centenar de persoas puideron ver este videopodcast no que se reflicten os atrancos aos que se ven expostas tanto persoas galegas como migrantes, temas como: o acceso á vivenda, a falta de oportunidades laborais e a falta de empatía nos procesos burocráticos poden verse xa na rede a través desta creación audiovisual.
As e os creadores e protagonistas de Somos Acubillo foron tamén os encargados de presentalo, nun evento moi emotivo. Yasseyda foi a encargada de falar de como o grupo, no que se mesturan vigueses e emigrantes que non se coñecían ao comezo do proceso, foise convertendo en “un espazo seguro”, onde “dar renda solta á nosa creatividade e ás nosas emocións”. Euro lembrou as primeiras sesións formativas, cando “a maioría de nós nunca usaramos unha cámara”. E explicou como a aprendizaxe técnica foise mesturando, ao longo dos meses, co coñecemento grupal e a toma de decisións. Rosbelys debullou o proceso que levou á elección do tema que querían tratar e da feitura que desexaban darlle, a dun videopodcast. “Antes de Acubillo”, recoñeceu, “algunhas persoas crían que só elas sufrían o peso das etiquetas. Por estranxeiro, por cor, por identidade ou orientación sexual. Sen ser conscientes de que hai aspectos que nos afectan a todos e a todas”. Compartindo algunhas das situacións que viviran cada un dos e as protagonistas, chegaron á conclusión de que había un eixo transversal en todas elas: a desigualdade social. E, dentro dela, todos viviran experiencias relacionadas coa dificultade para atopar un fogar, a escaseza de oportunidades laborais, o obstáculo que supón a burocracia e o impacto de todo isto na saúde mental.
Sobre a vivenda falou Mahyreth, que subliñou o impacto que teñen o aumento dos pisos turísticos e dos prezos do alugueiro no acceso a este dereito, recoñecido como tal pola Constitución Española. “Algunhas familias vense abocadas á rúa ou habitar infravivendas e outras a compartir casa con outras familias”, lamentou Marhyeth, “con todo o que a convivencia conleva”. “A vivenda é o refuxio da nosa familia, o espazo seguro no que descansamos e convivimos”, apuntou. “Sen vivenda, non hai felicidade, non hai paz… e non hai traballo que nos permita saír desta situación”.
Belén foi a encargada de expoñer a problemática da falta de oportunidades laborais. Falta de papeis, de experiencia documentada ou da idade axeitada… “Sempre falta algo”, resumiu con sorna esta veciña de Vigo. “Cando queres traballar e ser produtivo e ninguén che dá unha primeira oportunidade, é coma se se pechasen todas as portas”, lamentou. “Necesitas que alguén che dea a oportunidade de entrar, que alguén abra a primeira porta”, insistiu, “e esa primeira porta pode ser unha entrevista de traballo ou unha cita burocrática”.
De burocracia falou Rosa Esther, que reclamou que se simplifiquen os procedementos, mellórense os servizos telemáticos e impleméntese “un enfoque máis humano e accesible” na administración. “Só a través dunha xestión pública eficiente e inclusiva poderase garantir o dereito de todas as persoas a relacionarse coa administración en condicións de igualdade, dignidade e respecto”, concluíu. A desigualdade social que denuncia Somos Acubillo impacta gravemente na saúde mental das persoas que as sofren. “E as pastillas non solucionan a falta de autoestima, o medo, a falta de paz”, asegura Mahyreth.
O videopodcast
