Vigo opta a un investimento de 5 millóns para transformarse en Cidade Intelixente integral

venres, 16 de marzo do 2018 Redacción

Vigo vai optar a un plan piloto europeo para impulsar a aplicación das tecnoloxías máis innovadoras no funcionamento das cidades (Internet das Cousas, ferramentas de xestión e comunicación propias das Cidades Intelixentes, tecnoloxías 5G). Esta mesma semana, froito da candidatura de Vigo a un proxecto europeo para interconectar edificios, os promotores do Plan Nacional de Territorios Intelixentes reuníronse co alcalde, Abel Caballero. Este programa, dirixido a municipios de máis de 200.000 habitantes, suporía un investimento na cidade galega de 5 millóns de euros.
Para concorrer no proxecto, os concellos deberán proporcionar polo menos 150 edificios para unha actuación piloto onde se habilitarán e porán en marcha diversos nodos interconectados. O obxectivo é dar forma a cidades “baseadas en capas”, destinadas estas a captar, acubillar e avaliar datos a gran escala xerados a nivel municipal e cidadán. Entre os inmóbeis e infraestruturas que participarán neste proxecto, conectándose co nodos de Internet das Cousas, estarían as estacións de tren e autobús, os museos, os recintos deportivos ou os mercados.
Segundo fixo saber Caballero na xuntanza, o proxecto acáelle “moi ben ás características de Vigo”. Trala reunión cos promotores do Plan Nacional, da Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e Axenda Dixital, o alcalde anunciou a candidatura viguesa ao proxecto europeo, que, segundo salientou, “procura a aplicación das últimas tecnoloxías, e posteriormente o 5G, na interacción e conexións entre edificios e distintas zonas da cidade”. O rexedor engadiu que o Concello “ten moito interese neste proxecto”, que impulsaría Vigo cara a vangarda tecnolóxica.

PUBLICIDADE