Virginia Carcedo analizou no CITIC o impacto da IA na inclusión laboral
martes, 17 de decembro do 2024
O CITIC da UDC acolleu este luns unha nova sesión do ciclo formativo HumanIA, titulada Intelixencia artificial e transformación do emprego tradicional: retos e oportunidades e impartida por Virginia Carcedo Illera. A actividade veu da man do Consello Social e a Facultade de Humanidades da Universidade da Coruña (UDC), en colaboración co CITIC.
Virginia Carcedo, destacada experta en inclusión social e transformación laboral, centrou a súa intervención en como as tecnoloxías da IA xenerativa están a transformar as posibilidades de integración laboral e social para persoas con discapacidade. Durante a súa exposición, subliñou “a importancia de deseñar tecnoloxías inclusivas desde a súa concepción, abordando os retos éticos e as oportunidades asociadas a estas ferramentas”. A un nivel concreto, definiu 5 etapas de evolución desta tecnoloxía, empezando polos chatbots que empregan IA con linguaxe conversacional ata chegar ao último chanzo, que será cando poidan desenvolver o traballo dunha organización.
Un dos puntos destacados da sesión foi cando a relatora puxo o foco nas barreiras ás que se enfrontan acotío as persoas no seu acceso á información e ás contornas dixitais. Carcedo destacou o potencial da IA xenerativa para “superar estas dificultades” mediante solucións personalizadas que promovan a equidade. Entre os exemplos presentados, mencionou a xeración de subtítulos automáticos, interfaces conversacionais accesíbeis e ferramentas de apoio á aprendizaxe, “que xa están a marcar unha diferenza significativa no día a día de moitas persoas”, dixo.
Durante a súa intervención mostrou o funcionamento de axentes conversacionais como NotebookML, que axuda a extraer ideas e información de documentos, ligazóns, ou gravacións; ou GenFM, de IIElevenLabs, que permite a creación de podcast.
Tamén presentou o proxecto Tándem, que desenvolve a Fundación ONCE co apoio do SEPE dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e que é un programa de capacitación en ferramentas de IA pensado para persoas con discapacidade. “Debemos ter claro que a IA debe utilizarse para o ben social”, afirmou Carcedo durante a súa intervención.
A charla forma parte do ciclo formativo HumanIA 2024-2025, un programa deseñado para analizar como as tecnoloxías emerxentes están a transformar a sociedade e o mercado laboral. Organizado polo Consello Social e a Facultade de Humanidades da UDC, en colaboración co CITIC, este ciclo busca tender pontes entre as humanidades e o ámbito tecnolóxico, fomentando un diálogo interdisciplinar.