Vitae achega en virtual o seu curso sobre proxectos áxiles con Scrum, Scrumban e Lean
mércores, 27 de maio do 2020
Dixitalizar
e axilizar son conceptos relacionados, e tamén a capacidade das
empresas de ser máis competitivas, contar con máis e mellor
información e ter máis marxe de manobra para saber o que precisa o
mercado. Todos estes, e algún máis, son os ingredientes dunha das
máis históricas actividades formativas de cantas se celebran en
Galicia e no ámbito estatal: o Curso
sobre Dirección de Xestión de Proxectos TIC Áxiles con Scrum,
Scrumban e Lean Software, que organiza a consultora Vitae e que chega
esta primavera-verán á súa edición 33. Desenvolverase a
través da aula virtual de Vitae (non presencialmente, coa finalidade
de garantir a seguridade dos participantes fronte á COVID-19) os
días 22, 23, 25, 26, 29 e 30 de xuño e máis os días 2 e 3 de
xullo.
Para
quen non o saiba, trátase dunha actividade formativa de 16 horas (en
horario de 18.30 a 20.30 horas) que proporciona 150 PDA e, polo
tanto, a Certificación Scrum Manager nivel Experto. O curso diríxese
a familiarizar aos nosos profesionais para aplicar os devanditos
modelos de traballos áxiles (Scrum, Scrumban e Lean), uns modelos
que introducen factores extra de eficacia, rendibilidade e sintonía
cos clientes (axudando aos primeiros a anticiparse ás demandas dos
segundos mesmo antes de que sexan achegadas).
Segundo
Vitae, a orixe do obradoiro está igualmente nas vantaxes de
anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o
camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea
unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta
o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de
adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as
demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en
proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía,
engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización
de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto
de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará
durante o proxecto.
Nun
plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse
as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas
vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como
CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para
que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía
de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A
encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo,
enxeñeira superior en Informática pola Universidade de Vigo.
Actualmente é responsábel da área de Aseguramento da Calidade e
Seguridade Funcional da División de Electrónica, HMI e Sistemas ITS
do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Posúe máis
de 18 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software
destacando a súa actividade na xestión e dirección de proxectos TI
con metodoloxías áxiles (Scrum, XP) e de predición (PMI, CMMI)
para os sectores do motor, o aeronáutico e do espazo. Entre as
empresas e organismos que ten asesorado figuran as seguintes: ESA
(Axencia Europea do Espazo), o devandito CTAG, o Centro de
Investigación TIC (CITIC), Tecnocom, SIVSA, SERESCO, Coremain,
Balidea, Dayco Ensa, Grupo Antolín, PGA, ASM Soft, SoftWcare,
Discalis, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago, a
Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, Visual MS, Telek,
Imaxdi e OpenHost, entre outras entidades.