Vitae achéganos a segunda edición do seu curso sobre xestión do tempo

martes, 2 de febreiro do 2021 Redacción

Prosegue este inverno a actividade avanzada de Vitae Consultores, achegándonos formación para que avancemos treitos como profesionais e fortalecéndonos para resistir os embates que nos envía a crise económica e sanitaria. A través da súa aula virtual, a consultora achéganos este vindeiro mes de marzo a segunda edición do seu Curso sobre Axilidade Avanzada: Xestión do Tempo e Reunións Produtivas en Axilidade.
Serán 15 horas de formación, con opción para recibir a Certificación Scrum Manager (55 PDA). Desenvolverase os días 2, 3, 4, 9, 10 e 11 de marzo. Esta actividade formativa achegaranos recursos para avaliar os hábitos que nos levan a un mal uso do recurso “tempo”.
O curso tamén pon en xogo ferramentas para botarnos unha man á hora de afrontar os obstáculos que temos no noso día a día profesional, a identificar os factores que inflúen na xestión do tempo e a localizar os mecanismos, métodos e técnicas dispoñíbeis para mellorar a xestión e manter un ritmo sustentábel.
Na actividade formativa analizaranse as reunións como “elemento principal de desperdicio do tempo” e proporanse “métodos e técnicas que nos permitirán unha meirande produtividade”.
A encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade coordinadora de Proxectos e responsábel de Seguridade da Calidade do Desenvolvemento de Software na dirección de Electrónica HMI do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia, o CTAG. Josefina Alonso, ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D (traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC, Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas entidades).

PUBLICIDADE