Vitae familiarizará aos nosos profesionais coa estatística e a análise de datos avanzada

luns, 9 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

A información é o principal valor empresarial do noso tempo e nada indica que isto vaia cambiar no futuro, máis ben o contrario: a información a gran escala está a resolver atrancos de investigación que se crían insalvábeis e a fornecer ideas e rumbos de proveito para unha manchea de proxectos tecnolóxicos. Tendo en conta isto, os perfís profesionais relacionados coa análise dos datos serán cada vez máis demandados. Porén, coma en case todo na vida, temos que formarmos e adestrarnos para acadar un manexo eficaz da información. Cara a isto, cara a achegar parte desta formación específica, é cara a onde se dirixe o Curso Ciencia de Datos con Excel, Powerb BI e R (PDF) que organiza Vitae Consultores en Vigo, os días 10, 11, 17 e 18 de novembro. Trátase dunha actividade de 20 horas moi dirixida a todos aqueles profesionais que queiran, hoxe en día, enfocar a súa carreira cara a análise de datos.
O obradoiro, polo tanto, achegará os coñecementos e habilidades precisos para manexar histogramas, gráficos de Pareto, boxplots, o Teorema de Bayes e, segundo engade Vitae, “algunha cousa máis”. E todo, explica a consultora, aprendendo estes e outros conceptos dende o principio “e utilizando ferramentas familiares”.
Ao remate deste curso de estatística aplicada os asistentes estarán en capacidade de subir novos chanzos de coñecemento no ámbito da ciencia dos datos. As vantaxes disto? Pois son claras e evidentes, pero segundo explica Vitae a capacidade de avaliar información axudaranos a unha mellor toma de decisións e forneceranos dunha sólida experiencia en estatística e probabilidade básica, o que contribuirá, precisamente, a unha mellor comprensión dos datos.
Os obxectivos do curso son os seguintes: subministrar formación avanzada en estatística (estatística descritiva, probabilidade básica, variábeis aleatorias, probas e intervalos de confianza, probas de hipóteses), visualización de datos con Excel e Power BI, coñecemento de R para a análise de datos e visualización.
Respecto dos requirimentos que se demandan, para poder tirar proveito do curso debemos de estar familiarizados coa organización e a análise de datos en Excel, empregando as ferramentas que proporciona a folla de cálculo como táboas, táboas dinámicas e gráficos dinámicos.
O curso abrangue 20 horas de formación en catro xornadas de cinco horas cada unha.
Celebrarase no Centro Social AFundación de ABANCA en Vigo, nos números 24-26 da rúa Policarpo Sanz.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Antonio Soto Rodríguez, enxeñeiro en Informática de Sistemas pola Universidade da Coruña e profesional con máis de dúas décadas de experiencia como consultor técnico experto e certificado, achegando formación na Universidade Microsoft e a empresas e organismos como a NASA, NASDAQ, PEMEX, SERGAS, Citroen, CEAGA, Inditex, Ferroplast, Banco Popular, ABANCA, Xunta de Galicia ou Abertis.

PUBLICIDADE