Vitae organiza en outubro un curso que reivindica na importancia dunha boa comunicación en equipos TI
martes, 12 de setembro do 2023
A
consultora galega Vitae vai achegar en outubro a segunda edición dun
curso dirixido a mellorar as nosas capacidades de diálogo,
integración e colaboración en empresas do sector tecnolóxico e
innovador. Trátase do curso Habilidades
de Comunicación para Equipos TI, que se celebra os días 16,
18 e 20 de outubro e que inclúe 9 horas de formación. Baséase en
poñer o foco nas posibilidades, beneficios e vantaxes dunha óptima
comunicación, un dos factores fundamentais para a xestión de
proxectos de Tecnoloxías da Información e Comunicacións (TIC) e
para a promoción da colaboración, a coordinación e o intercambio
de información dentro do equipo.
Ademais,
sinalan dende Vitae, “contribúe a manter a todos os profesionais
involucrados aliñados, xestionar as expectativas, abordar problemas
e cambios, e manter ás partes interesadas informadas sobre o
progreso do proxecto”.
En
última instancia, engade Vitae, “unha comunicación sólida e
clara mellora as posibilidades de éxito do proxecto e contribúe á
satisfacción dos clientes e usuarios finais”.
Co
obxectivo de salvar os escollos que pode atopar a introdución na
empresa de melloras comunicacionais, neste curso desenvolveranse
competencias e habilidades en base a un cambio nos esquemas mentais e
de conduta da persoa, combinándose aspectos teóricos con exercicios
e dinámicas que permitan comprender e interiorizar os conceptos e
producir a devandita adaptación ao novo contexto de diálogo,
comprensión, empatía e colaboración.
Obxectivos do curso
-Propiciar
un cambio de mentalidade e da conduta para desenvolver as
habilidades de comunicación.
-Achegarnos
habilidades para desenvolvernos con máis facilidade en situacións
onde a comunicación sexa importante.
-Axudar
a evitar e suavizar situacións que actualmente producen tensión nas
partes implicadas.
-Desenvolver
as competencias e habilidades de comunicación e de relación nos
equipos e profesionais TI.
-Obter
fluidez e eficiencia na comunicación con clientes internos e
externos.
-Conseguir
profesionais cos que sexa máis sinxelo comunicarse e entenderse.
A
encargada de impartir estes contidos será novamente Josefina Alonso
Nocelo, enxeñeira superior en Informática e na actualidade
directora da área de Operacións en DIHGIGAL HUB (Asociación para
la Transformación Digital de la Industria Gallega). Josefina Alonso,
ademais, posúe unha ampla experiencia nos eidos do desenvolvemento
de software e do asesoramento empresarial e a centros de I+D
(traballou para a Axencia Europea do Espazo, o CTAG, o CITIC,
Tecnocom, SIVSA, Seresco, Coremain ou Balidea, entre outras moitas
entidades).