Vitae organiza online a edición 34 do seu curso sobre xestión de proxectos áxiles con Scrum

martes, 22 de setembro do 2020 S. P.

Levar a cabo unha profesión e ser, dentro dela, un bo profesional, dificilmente sería posíbel se non se aplicasen o que se coñece como boas prácticas, tanto para colaborar co resto do noso equipo como para obter os mellores resultados no proxecto tecnolóxico no que estamos mergullados. Ferramentas para conseguilo hai moitas pero dun tempo a esta parte hai unhas cantas que no eido TIC brillan con luz propia, como por exemplo a metodoloxía Scrum, especialmente indicada para proxectos en contornas complexas onde é preciso obter resultados con rapidez, onde as condicións están suxeitas a cambios (como por exemplo as limitacións impostas pola COVID) e onde a innovación e a competitividade son piares básicos. Esta fórmula está na base dunha das máis importantes (e antigas) actividades formativas cíclicas da consultora Vitae: o Curso sobre Dirección de Xestión de Proxectos Áxiles con Scrum, que chega este outono á súa edición 34, en formato virtual.
Desenvolverase en formato online (non presencialmente, coa finalidade de garantir a seguridade dos participantes fronte á COVID-19) os días 16, 19, 20, 22, 23, 26, 27 e 29 de outubro.
Para quen non o saiba, trátase dunha actividade formativa de 16 horas que proporciona 150 PDA e, polo tanto, a Certificación Scrum Manager nivel Experto.
O curso diríxese a capacitarnos na aplicación dos modelos de traballos áxiles (Scrum, Scrumban e Lean), uns modelos que introducen factores extra de eficacia, rendibilidade e sintonía cos clientes (axudando aos primeiros a anticiparse ás demandas dos segundos mesmo antes de que sexan achegadas).

Segundo Vitae, a orixe do obradoiro está igualmente nas vantaxes de anticiparnos ás nosas propias demandas. Ou sexa, de preparar o camiño a percorrer para saber cara a onde dirixirnos en canto se dea unha disxuntiva. Desta maneira nolo explica Vitae: “Tendo en conta o moito que evoluciona o mercado e a necesidade das empresas de adoptar medidas para satisfacer de maneira eficaz e rápida as demandas do cliente, propoñemos este curso sobre o uso de Scrum en proxectos e desenvolvemento de software”. Esta metodoloxía, engaden dende Vitae, permitirá a implicación e auto-organización de todo o equipo profesional dunha corporación para fixar un punto de partida e definir o proceso de desenvolvemento que se executará durante o proxecto.
Nun plano máis detallado acerca do programa do curso, neste abordaranse as diferenzas entre as devanditas metodoloxías áxiles e as súas vantaxes e inconvenientes con respecto a metodoloxías pesadas como CMMI, PMI e ISO, “dando unha perspectiva global aos asistentes para que adquiran os coñecementos precisos para seleccionar a metodoloxía de dirección segundo as necesidades de cada proxecto”.
A encargada de impartir estes contidos será Josefina Alonso Nocelo, enxeñeira superior en Informática pola Universidade de Vigo. Actualmente é responsábel da área de Aseguramento da Calidade e Seguridade Funcional da División de Electrónica, HMI e Sistemas ITS do Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Posúe máis de 18 anos de experiencia no eido do desenvolvemento de software destacando a súa actividade na xestión e dirección de proxectos TI con metodoloxías áxiles (Scrum, XP) e de predición (PMI, CMMI) para os sectores do motor, o aeronáutico e do espazo. Entre as empresas e organismos que ten asesorado figuran as seguintes: ESA (Axencia Europea do Espazo), o devandito CTAG, o Centro de Investigación TIC (CITIC), Tecnocom, SIVSA, SERESCO, Coremain, Balidea, Dayco Ensa, Grupo Antolín, PGA, ASM Soft, SoftWcare, Discalis, a Universidade de Vigo, a Universidade de Santiago, a Universidade da Coruña, o Concello da Coruña, Visual MS, Telek, Imaxdi e OpenHost, entre outras entidades.

PUBLICIDADE