Vodafone anuncia que xa conta con cobertura 4G en Vigo

mércores, 6 de novembro do 2013 Marcus Fernández

A primeiros de setembro Vodafone adiantaba que estaba a despregar a súa rede de telefonía 4G pola nosa xeografía, de xeito que as primeiras cidades galegas que podería gozar da nova xeración de telefonía móbil a través de Vodafone sería A Coruña e Vigo, aínda que a súa cobertura sería bastante limitada inicialmente, indo mellorando de cara ao mes de decembro; e hoxe xa confirman a través das plataformas sociais da compañía que o servizo de Vodafone 4G xa está dispoñible en Vigo (aínda que hai usuarios que veñen detectando a súa dispoñibilidade dende hai varias semanas).
Dende Vodafone aseguran que as novas conexións, polas que non se está a cobrar importe adicional pese ao anunciado inicialmente, os seus clientes particulares e de empresa poderán gozar dunha velocidade de ata 150 Mbps, o que facilitará compartir contidos dun xeito case inmediato, poder gozar de vídeos e videoconferencias de alta definición en mobilidade e mellorar a experiencia de uso da Rede grazas a unha latencia moi reducida que equipara as redes móbiles ás ficas.
Para poder gozar de Vodafone 4G hai que contar cun terminal móbil compatible con conectividade LTE (boa parte dos smartphones actuais a soportan), activar o servizo chamando ao 123 (ou nunha tenda Vodafone) e estar nunha zona con cobertura desta nova tecnoloxía de comunicación da que xa podemos gozar na nosa terra.

Cobertura actual do 4G en Vigo
Cobertura do 4G de Vodafone na Coruña

PUBLICIDADE