Vodafone faise co control de Finetwork

venres, 5 de setembro do 2025 Redacción

O xulgado do Mercantil nº 1 de Alacant vén de dar luz verde ao plan de reestruturación de Finetwork, permitindo que Vodafone tome o control da compañía a través da capitalización dunha parte da débeda pendente. Vodafone prevé culminar a operación a finais de ano, pendente aínda das autorizacións da CNMC e da autoridade competente en materia de investimentos estranxeiros, dado que se trata dun sector estratéxico.
A proposta recibiu a homologación xudicial, aínda que queda á espera de que a Audiencia Provincial resolva as impugnacións anunciadas por Wewi Mobile, a matriz de Finetwork. A empresa eldense, presidida por Pascual Pérez, tentou frear o proceso alegando que o plan se aprobou á marxe dos socios, sen convocar unha xunta xeral que, ao seu xuízo, sería preceptiva.
O plan presentado por Vodafone contempla converter en capital parte dos arredor de 50 millóns de euros de débeda de Finetwork, co que pasaría a controlar arredor do 90 % do capital. Así mesmo, prevese unha ampliación de capital por compensación de créditos e unha remodelación do consello de administración con tres novos membros designados pola operadora. O auto tamén recolle que Vodafone achegará unha liña adicional de financiamento de ata 20 millóns de euros para reforzar a situación patrimonial da compañía, actualmente en «insolvencia inminente». Esta decisión pon fin ao preconcurso iniciado en maio e evita a entrada en concurso de acredores, o que podería ter afectado ao servizo dos seus clientes de móbil e banda larga.
Mentres, permanece a incógnita de se Vodafone manterá o control de Finetwork ou explorará unha venda, xa que o fondo Asterion Industrial Partners, a través de Olin Group e en colaboración con Teras Capital, xa se puxera en contacto cos socios de Wewi para adquirir a totalidade do capital de Finetwork.