Finetwork ultima a súa venda a Asterion

mércores, 2 de xullo do 2025 Redacción

O fondo español Asterion acadou un principio de acordo para adquirir a totalidade do capital de Finetwork, operador de telefonía móbil e fixa, por un importe que superará os 310 millóns de euros, dos cales preto de cen millóns corresponden a débeda.
Esta operación, pendente aínda de concretar detalles relativos aos acredores e compromisos comerciais, marca un punto de encontro entre os intereses de ambas partes: Asterion busca expandirse no segmento minorista das telecomunicacións, mentres que Finetwork (filial de Wewi Mobile) tenta garantir a súa viabilidade nun contexto de preconcurso de acredores.
Finetwork leva dez anos operando como OMV baixo a infraestrutura de Vodafone, con ofertas de fibra, móbil e televisión de pagamento. Conta cun millón de clientes e unha rede de 3.800 puntos de venda. A súa situación financeira deteriorouse nos últimos meses debido a impagamentos, principalmente co seu provedor de rede, Vodafone España.