Vodafone faise con 90 Mhz do espectro 5G

xoves, 26 de xullo do 2018 Fernando Sarasketa

Vodafone España vén de adquirir 90 Mhz (megahercios) contiguos de espectro na banda do 3,7 Ghz. E fíxoo por un total de 198,1 millóns de euros e tras unha poxa convocada polo Ministerio de Economía e Empresa. O obxectivo da operadora, con esta adquisición, é “ofrecer servizos de datos de telefonía móbil nestas frecuencias”. A empresa informou que a contía abonarase, tal e como está previsto na poxa, en 20 pagos anuais cun interese do 2,35%. Ademais, o espectro adquirido ten unha vixencia de 20 anos.
Para os que non o saiban, os hercios son un xeito de medir a cantidade de repeticións dunha onda electromagnética nun segundo, amais da súa frecuencia. O espectro actual abrangue dende frecuencias moi baixas, de aproximadamente tres hertz por segundo, até as de maior frecuencia. Entre os dous puntos atópanse todas a metodoloxías empregadas para transmitir por vía aérea radio, televisión e datos. A banda dos 3,7 Ghz sitúase no rango da super alta frecuencia e esta é de especial relevancia para a tecnoloxía de telecomunicacións 5G, a radioastronomía, as comunicacións por microondas, as redes sen fíos, os radares máis avanzados, as comunicacións por satélite ou a televisión por satélite.
Vodafone España utilizará este espectro de 3,7 Ghz xunto cos 20 MHz TDD, dos que xa dispón na banda de 2,6 Ghz, para despregar servizos 5G, ofrecendo velocidades superiores ao gigabyte por segundo e unha menor latencia para así mellorar, nas súas palabras, “as aplicacións de vehículos e máquinas conectadas, así como os sistemas industriais automatizados e realidade virtual e aumentada”.


PUBLICIDADE