Vodafone non cobrará o consumo de datos das mensaxes de WhatsApp

mércores, 1 de marzo do 2017 Marcus Fernández

O vindeiro 28 de abril Vodafone renovará os seus plans de prezos móbiles Smart S, Red M e Red L, o que suporá un incremento de 3 euros nas dúas primeiras tarifas e de 5 euros na última, compensándose a suba, como vén a ser habitual nos últimos tempos, cun aumento do volume de datos móbiles contratados (pasarían de 2, 4 e 6 GB a 6, 10 e 20 GB respectivamente), aínda que esta no será a única novidade, senón que tamén estrean Chat Zero.
A nova prestación incluída nas tarifas de contrato consistiría en que non só as mensaxes SMS e MMS serían de balde, senón que tampouco se cobrarían as mensaxes a través das aplicacións WhatsApp, Telegram, Line e Message+, ou sexa, que os usuarios poderán intercambiar texto, fotografías, vídeos e notas de voz sen consumir datos da súa tarifa móbil, o que permite que poidan facer un uso máis intensivo da banda larga móbil. Dado que o 98% dos clientes con móbil de Vodafone fan uso de aplicacións e servizos de mensaxería, enténdese que esta medida suporá un importante beneficio.
No que se refire aos incrementos no volume de datos, esta medida afectará tanto a liñas independentes como a paquetes converxentes, e moitos usuarios xa poden gozar dos novos volumes de datos, que están a aplicarse progresivamente entre os clientes de Vodafone esperándose que a actualización estea completada en menos de dúas semanas.

Cadro no que se ilustran as novas tarifas móbiles de Vodafone que entrarán en vigor o 28 de abril
Cadro coas novas tarifas Vodafone One

PUBLICIDADE