Vodafone ofrece TV Total sen custo adicional aos seus clientes converxentes

venres, 17 de agosto do 2018 Marcus Fernández

Despois de denunciar a Movistar polas súas promocións que inclúen futbol televisado, Vodafone sorprende anunciando unha promoción dentro da súa campaña de volta ao cole na que tanto a clientes actuais como a novas altas ofrece durante un ano o paquete de televisión Vodafone TV Total sen custo adicional, de xeito que achega un amplo catálogo de series, cine, programación infantil, deporte e lecer, con máis de 120 canles e milleiros de contidos baixo demanda como HBO España, AXN Now, FOX Play e Disney.
Esta promoción poderá contratarse entre o 20 de agosto e o 30 de setembro e, por exemplo, permitirá que por 52 euros/mes un cliente de Vodafone One poida gozar de 4 GB no seu móbil, chamadas ilimitadas, fixo, fibra de 100 Mbps e 1 ano de TV Total.
A esta oferta poderá engadírselle por 5 euros/mes (a metade do prezo actual) o Pack Cine (que inclúe Movistar Estrenos e Filmin) ou o paquete Fútbol (con 8 partidos de LaLiga Santander, a Copa do Rei, LaLiga 1|2|3 e un partido en 4K por xornada). Adicionalmente tamén pode contratarse Netflix, Más Series (con Movistar Series), Pack Adulto e Pack Caza.
Vodafone aproveitou o lanzamento desta promoción para anunciar que, ao igual que fixo ao longo do verán, no mes de setembro ofrecerá aos seus clientes 25 GB de datos adicionais para navegar dende o móbil.

PUBLICIDADE