Vodafone trae a España o tablet BlackBerry PlayBook

luns, 8 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Vodafone achega a España o tablet de RIM, de xeito que empresas e autónomos xa poden facerse co BlackBerry PlayBook, que no seu modelo de 16 Gb está á venda por 472 euros, e que vén con conectividade Wi-Fi, estando dirixido a usuarios que xa conten cun terminal BlackBerry que poden utilizarse como modem 3G grazas ás tarifas planas de navegación ilimitada de 1 e 3 Gb por 29,50 e 46,02 euros/mes respectivamente (que inclúen a tarifa de datos do móbil e a do tablet, como se dunha tarificación multiSIM se tratase).
O dispositivo tamén pode adquirirse a través do programa de puntos, de xeito que por 2.400 puntos reduciría o seu prezo a 301 euros, o que supón unha rebaixa considerable.
Lembremos que o tablet de RIM ten unha pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 1.024 x 600 píxeles, 425 gramos de peso, procesador de dobre núcleo a 1 GHz, saída HDMI a 1.080p, cámaras de 3 e 5 Mpíxeles, 1 Gb de RAM, 16 Gb de capacidade de almacenamento, GPS, Wi-Fi N e Bluetooth 2.1; así como o feito de que estea a ter unha moi mala aceptación por parte do público, que non ve que o PlayBook poida competir co iPad, xa que a prezos similares o software do tablet de Apple está moito máis maduro e conta cun catálogo de aplicacións moi superior.

PUBLICIDADE