Volve a idade de ouro da pirataría

mércores, 8 de xullo do 2026 Redacción

Ubisoft lanza este xoves Assassin’’s Creed Black Flag Resynced, unha revisión do clásico publicado en 2013 que chega a PlayStation 5, Xbox Series X|S e PC. A nova versión actualiza a aventura protagonizada por Edward Kenway cun apartado gráfico renovado, cambios na xogabilidade e contidos inéditos que amplían a historia orixinal.
Ambientado no Caribe durante a Idade de Ouro da pirataría, o xogo mantén a campaña principal na que o corsario galés Edward Kenway acaba envolto no conflito entre Asasinos e Templarios mentres busca o Observatorio, un artefacto capaz de localizar calquera persoa mediante unha mostra do seu sangue. Esta edición incorpora novas misións narrativas, incluídas liñas argumentais centradas en Barbanegra e Stede Bonnet, un novo capítulo final titulado A World Without Gold e misións adicionais para os oficiais navais.
A xogabilidade tamén foi revisada. O sistema de combate incorpora novos ataques, execucións encadeadas, armas con habilidades diferenciadas e inimigos inéditos, mentres que o sixilo ofrece maior liberdade grazas á posibilidade de agacharse en calquera momento, novas ferramentas e o regreso do sixilo social. O parkour tamén recibe melloras con movementos máis precisos, salto manual e tirolesas repartidas polo escenario.
Os combates navais continúan sendo un dos piares da experiencia, agora con novos oficiais para o Jackdaw, habilidades adicionais, condicións meteorolóxicas dinámicas, melloras para a personalización do barco e o regreso da Frota de Kenway. Tamén será posible repetir os enfrontamentos contra os lendarios navíos do xogo orixinal.
A base de operacións en Great Inagua amplíase con novos edificios e melloras que desbloquean armas, traxes, ingresos pasivos e vantaxes para a tripulación, mentres que o modo Foto se incorpora por primeira vez a esta entrega.
No plano técnico, Assassin’’s Creed Black Flag Resynced emprega o motor Anvil para ofrecer iluminación dinámica con trazado de raios, texturas de maior resolución e un sistema meteorolóxico dinámico herdado de Assassin’’s Creed Shadows, capaz de recrear tempestades, trombas mariñas e cambios atmosféricos en tempo real.
A experiencia complétase cunha interface completamente personalizable, varios niveis de dificultade independentes para combate, sixilo, navegación e actividades, así como opcións para adaptar a información mostrada en pantalla segundo as preferencias de cada xogador.

Dende Sony aproveitan o lanzamento desta versión mellorada de Black Flag para presumir das posibilidades gráficas da PS5 Pro