WhatsApp abre a porta á publicidade nos Estados

luns, 16 de xuño do 2025 Redacción

WhatsApp vén de anunciar cambios na pestana de Novidades, o espazo da aplicación onde se atopan os Estados e as Canles, e que utilizan a diario preto de 1.500 millóns de persoas. O obxectivo destas novidades é axudar a creadores, organizacións e empresas a medrar dentro da plataforma sen alterar a experiencia dos usuarios que usan a aplicación unicamente para conversar.
Introducirán tres novas funcións principais: as subscricións a canles permitirán aos usuarios apoiar os seus creadores favoritos mediante un pagamento mensual a cambio de contido exclusivo; a promoción de canles facilitará descubrir novas canles de interese mediante suxestións personalizadas dentro do directorio; e, finalmente, os anuncios nos Estados ofrecerán a posibilidade de coñecer empresas e contactar con elas directamente a través das historias que compartan. Estas opcións estarán limitadas á pestana Novidades, sen interferir cos chats privados nin cos grupos.
Estas ferramentas foron deseñadas atendendo á privacidade, pois as mensaxes, chamadas e estados persoais continúan a estar cifrados de extremo a extremo, o que impide que nin sequera a propia WhatsApp poida acceder ao seu contido. Para escoller que anuncios ou canles amosar, a aplicación empregará un conxunto de datos moi limitado, como o país, o idioma, os contidos seguidos ou o tipo de interacción cos anuncios. Ademais, as persoas que teñan WhatsApp vinculado ao Centro de contas de Meta poderán recibir recomendacións baseadas nas súas preferencias publicitarias nas distintas plataformas da compañía.
Dende Meta insisten en que nunca venderán nin compartirán o número de teléfono dos usuarios con anunciantes, e que os contidos privados como mensaxes, chamadas ou grupos non se utilizarán para personalizar a publicidade.
En calquera caso, estamos ante un momento crucial na aplicación de mensaxería, xa que ata o momento estaba libre de publicidade, e a introdución de anuncios pode ter un impacto directo no uso da ferramenta, especialmente se temos en conta que os estados de WhatsApp aínda non contan cunha grande popularidade, polo que entorpecelos con publicidade dun xeito semellante a como xa acontece con Instagram podería provocar unha caída no seu uso, aínda que resulta innegable o atractivo que ten para as empresas o poder contar cun novo espazo para colocar a súa publicidade, especialmente en territorios nos que as plataformas sociais de Meta teñen unha presenza moi discreta.