Durante moito tempo algúns usuarios de WhatsApp que querían empregar o servizo pero non estaban totalmente de acordo coas súas condicións conectábanse a través de aplicacións alternativas que permitían un maior control para, por exemplo, ocultar a hora da última conexión (algo que tardou moito en incorporar a aplicación oficial), pero finalmente dende WhatsApp decidiron tomar cartas no asunto e comezar a bloquear temporalmente (durante 24 horas) a usuarios de aplicacións como WhatsApp+ ou WhatsAppMD por violar as condicións do servizo.
Dende WhatsApp sempre rexeitaron a estes clientes alternativos, e non foron poucas as ocasións nas que advertiron do risco que empregar este tipo de ferramentas, principalmente por seguridade, xa que dende WhatsApp non poden controlar se as aplicacións non oficiais realizan un uso axeitado da súa rede nin da información dos usuarios. Por iso, decidiron agora bloquear activamente aos usuarios de aplicacións como WhatsApp Plus, instando aos usuarios a instalar a aplicación oficial se queren seguir a gozar do seu servizo.
Por fortuna desta volta WhatsApp optou por un bloqueo temporal dos números telefónicos, pois en incumprimentos anteriores das súas condicións de servizo teñen bloqueado indefinidamente os números problemáticos (por, por exemplo, remitir moitas mensaxes en pouco tempo, no que consideran que é un abuso do servizo que molesta ao resto de usuarios) non atendendo posteriormente as reclamacións dos usuarios vetados, o que déixalles unha única solución se queren seguir en contacto cos seus amigos, compañeiros de traballo ou familiares: mudar de número de teléfono.
Aínda que dende algunhas aplicacións alternativas a WhatsApp están a anunciar que tomarán medidas para dificultar que o servizo poida detectar que son clientes non oficiais, cómpre destacar que continuar a empregar estas ferramentas é sempre un risco, que no futuro pode saldarse cun bloqueo definitivo, polo que non parece unha opción moi recomendable.
ACTUALIZACIÓN: Finalmente os desenvolvedores de WhatsApp+ anuncian o abandono do desenvolvemento da súa aplicación.
WhatsApp comeza a bloquear aos usuarios de WhatsApp+
Compartir Este Artigo

