WhatsApp incrementa o número de participantes nunha videochamada en grupo

martes, 21 de abril do 2020 Marcus Fernández

Dende WABetaInfo dan conta de que nas últimas horas comezou a espallarse globalmente unha nova prestación de WhatsApp que chega inicialmente aos usuarios da versión beta da aplicación tanto en iOS como en Android e que facilita a realización de videochamadas grupais con até 8 participantes, superando así o máximo de 4 participantes que había até agora.
Para poder superar os 4 participantes é preciso que todos os integrantes da chamada teñan a aplicación actualizada á última versión, sendo posible que engadamos participantes á chamada grupal de un en un ou de xeito automático se iniciamos a chamada nun grupo de poucos integrantes (xa que se non hai máis de 8 persoas estas engadiranse de vez á chamada grupal).
Esta nova funcionalidade leva probándose dende primeiros de mes, atendendo a alta demanda do vídeo en grupo durante o confinamento por mor do coronavirus, evitando así que os usuarios recorran a aplicacións alternativas.

PUBLICIDADE