Windows 10 poderá correr aplicacións de 64 bits en procesadores ARM

venres, 6 de abril do 2018 Marcus Fernández

Aínda que o anuncio dos primeiros portátiles con Windows 10 baseados en procesadores ARM resultaba moi prometedor, principalmente por poder contar con equipos sempre conectados e con duracións de batería impresionantes, agora que comezan a chegar ao mercado ordenadores como o Asus NovaGo, podemos comprobar que a versión de Windows 10 que utilizan está aínda moi limitada, sendo só compatible con software de 32 bits, o que fai que haxa aplicacións modernas que non poidan empregarse. Esta limitación comentábase que sería temporal, e por fin temos unha previsión do que durará, xa que Erin Chappie, directora xeral para Windows, asegurou a Engadget que o SDK para aplicacións ARM64 anunciarase no Microsoft Build que celebrarase entre os días 7 e 9 de maio en Seattle.
Este novo SDK permitirá que os desenvolvedores poidan recompilar as súas aplicacións para correr en 64 bits en ordenadores con procesadores ARM, incrementando a compatibilidade do software, aínda que precise a súa recompilación.
Teremos así os alicerces para que os equipos con procesadores ARM poidan gozar de certo futuro, xa que a limitación de correr só aplicacións de 32 bits era demasiado restritiva e incluso ía contra o rumbo actual de Windows 10.

PUBLICIDADE