Windows 11 aposta pola IA na súa nova grande actualización

martes, 26 de setembro do 2023 Marcus Fernández

O sistema operativo de Microsoft, Windows 11, inicia hoxe a distribución oficial da súa nova actualización, que supón unha das máis importantes dos últimos anos xa que, entre as súas novidades figuran elementos baseados en intelixencia artificial, o que pode mudar profundamente o xeito de relacionarnos co noso equipo informático.
O lanzamento desta actualización será gradual, ou sexa, que haberá usuarios que xa gocen do novo Windows 11 hoxe mesmo, mentres que outros pode ter que gardar semanas, sendo un dos elementos máis visibles desta actualización o Copiloto de Windows, que permitirá conversar cunha intelixencia artificial para realizar tarefas do máis variado, que poden ir dende resumir unha páxina web ou escribir un correo electrónico até conectar uns auriculares Bluetooth.
Nas últimas semanas tamén deu bastante que falar a actualización dunha das aplicacións con peor sona de Windows, o Paint, que coa súa renovación incorpora capas e incluso unha ferramenta que mediante o uso da IA é capaz de eliminar o fondo dunha imaxe, o que pode resultar moi práctico para a realización de composicións. Os participantes no programa Windows Insiders tamén poderán gozar do Paint Cocreator, ou sexa, dun asistente que permite desatar a nosa creatividade mediante ordes escritas.
O editor de vídeo Clipchamp tamén mellora, sendo un dos seus principais cambios a integración dunha ferramenta de composición automática mediante IA, que a través dunhas simples preguntas consegue crear unha montaxe á medida das nosas necesidades, que logo poderemos gardar ou compartir en redes sociais.
A ferramenta de recorte recibiu hai pouco a posibilidade de gravar a pantalla, e agora tamén permite capturar son , de xeito que pode empregarse para a creación de titoriais en vídeo. Tamén facilita a extracción de texto de imaxes.
Outra función moi agardada é o Windows Backup, ferramenta que fai doada a copia do que temos no noso ordenador para trasladalo a un novo equipo, para o que pode valerse do almacenamento na nube de Microsoft.
A nivel de accesibilidade tamén podemos salientar que o acceso por voz amplía o seu alcance dentro de Windows, facilitando tamén o ditado, funcións que farán a vida moito máis doada a persoas con eivas visuais.
Tamén o Narrador de Windows incrementa o número de linguaxes que pode ler en voz alta, incluíndo agora español, portugués, francés, alemán, mandarín, xaponés, coreano e inglés.
E na liña do que fixeron compañías como Google nos últimos meses, agora Windows tamén facilita a substitución dos contrasinais tradicionais por passkeys, facendo así moi complicado o roubo das nosas credenciais para vulnerar a seguridade dos nosos equipos. Avanzamos así na senda da eliminación dos contrasinais para sempre.
Tamén hai cambios no explorador de arquivos, a tenda de Windows recibe os xogos instantáneos e incluso se introduciron facilidades para que o uso de Windows 365 na nube sexa transparente para o usuario. Toda unha chea de novidades que deixan claro que Windows 11 está lonxe de ser un sistema operativo estático, e non cesa de adaptarse aos cambios que esixe o mercado.

PUBLICIDADE