Withings converte a báscula no monitor de saúde máis completo

luns, 5 de xaneiro do 2026 Redacción

Withings escolleu o CES 2026 para dar a coñecer o novo Body Scan 2, un dispositivo que describen como a primeira estación de lonxevidade validada cientificamente, que basicamente consiste nunha báscula conectada que combina máis de 60 biomarcadores, novas medicións de grao clínico e modelos de intelixencia artificial aplicados ao diagnóstico temperán.
O dispositivo, desenvolvido en colaboración con centros de investigación cardiometabólica, incorpora por primeira vez nunha báscula doméstica unha notificación de risco de hipertensión, unha avaliación completa da eficiencia de bombeo cardíaco mediante cardiografía por impedancia e unha análise profunda da saúde celular e do metabolismo grazas á espectroscopia de bioimpedancia de frecuencia ultra alta. Esta integración permitiría detectar alteracións fisiolóxicas anos antes de que aparezan síntomas perceptibles.
O Body Scan 2 analiza catro grandes áreas fisiolóxicas: o rendemento do corazón, o risco de hipertensión, a saúde arterial e a saúde celular e metabólica. A combinación de cardiografía por impedancia, electrocardiograma de seis derivacións, velocidade da onda de pulso e BIS de ultra alta frecuencia permite medir parámetros como a idade cardíaca, a elasticidade vascular, a idade celular ou os primeiros indicios de desregulación glicémica.
A partir de miles de millóns de medicións do ecosistema Withings, Body Scan 2 establece valores de referencia individuais e identifica desviacións temperás que aínda son reversibles. O dispositivo xera unha puntuación denominada Health Trajectory, que permite visualizar o impacto dos hábitos diarios na saúde futura e orienta ao usuario con recomendacións personalizadas.
Esta guía resulta especialmente útil en períodos de estrés crónico, sedentarismo, aumento de graxa visceral na mediana idade, perimenopausa, adestramento deportivo ou tratamentos de perda de peso con GLP‑1, nos que preservar a masa muscular é fundamental.
O Body Scan 2 integra oito eléctrodos de ITO na superficie de vidro temperado e catro eléctrodos adicionais no mango retráctil, que incorpora unha pantalla LCD a cor de alta resolución. A batería recargable ofrece ata quince meses de autonomía e a sincronización cos datos realízase mediante Wi‑Fi ou Bluetooth. Prevese a súa comercialización no segundo trimestre de 2026 a un prezo de 499,95 euros.

Vídeo de presentación da nova báscula de Withings