Wonder Woman 1984 podería chegar ao mercado doméstico 2 semanas despois da estrea en cines

venres, 13 de novembro do 2020 Marcus Fernández

O impacto da pandemia no sector audiovisual está a ser moito máis profundo do esperado, xa que as tradicionais fiestras de explotación das producións cinematográficas deixaron de ter sentido ao desaparecer da ecuación a estrea en salas comerciais, que aínda que sexa posible nalgunhas ocasións, o volume de público é tan limitado a escala global que esta canle de distribución non chega a recuperar o investimento realizado (como si acontecía antes).
A situación propiciou xogadas tan arriscadas como a estrea de Tenet en cines, correndo un grande risco, e conseguindo un resultado que podería considerarse digno, pero que claramente non chegaría para recuperar o que custou o filme de Christopher Nolan e a súa campaña promocional (a recadación global bruta sería superior ao custo da produción, pero iso non chega para dar beneficios). No caso da Disney tamén puidemos ver como Mulán estreouse en cines só nuns poucos países, mentres que nos principais mercados chegou a través de Disney+ inicialmente e logo a través das distintas plataformas de vídeo baixo demanda, pero sempre mediante un pagamento bastante elevado (en Disney+ custaba 21,99 euros, prezo ao que tamén chegou a tendas como a de Google Play, onde actualmente baixou o prezo a 11,99 euros) que probablemente foi un fracaso xa que, aínda que Disney non deu datos oficiais ao respecto, decidiu que o seu vindeiro grande lanzamento, Soul, vaia estrearse directamente en Disney+ sen cargos adicionais o vindeiro 25 de decembro.
Curiosamente ese 25 de decembro é a data na que está prevista a estrea de Wonder Woman 1984 en cines, filme que nas últimas semanas está nunha balanza para decidir se verá a luz no verán de 2021 ou se conserva a última data anunciada, o que desencadearía un lanzamento en dixital cunha anticipación sen precedentes, xa que segundo Variety a produción protagonizada por Gal Gadot chegaría a HBO Max só dúas semanas despois da estrea en cines, xogada que podería incrementar as subscricións a HBO Max pero que sería unha grande molestia para os cines tradicionais, que verían como practicamente a única estrea forte no que queda de ano non respecta as fiestras de explotación habituais.
Cómpre lembrar que Wonder Woman 1984 tiña previsto chegar aos cines o 1 de novembro de 2019, pero reprogramouse a súa estrea para o 5 de xuño de 2020, o que resultou ser unha decisión tráxica, xa que coincidiu coa pandemia, provocando que logo se fixase a estrea no 14 de agosto, logo no 2 de outubro e, finalmente, no 25 de decembro, e seguir adiando a estrea podería ser un risco excesivo, por disparar os gastos en promoción (lembremos que xa hai un ano que a estrea tería que terse realizado, polo que levan moitos meses realizando accións de márketing que aínda non teñen un destino claro) e non haber garantías de que o vindeiro verán as salas de cine teñan recuperado a normalidade.
Pase o que pase, a pandemia está a provocar unha transformación do sector audiovisual que non terá volta atrás, e detalles como as fiestras de explotación poderían ser a principal vítima da crise sanitaria, o que agradecerán moitos consumidores que non son clientes habituais das salas cinematográficas por motivos moi diversos.

PUBLICIDADE