WordPress Coruña organiza unha mesa redonda sobre a presenza das mulleres no sector tecnolóxico

venres, 6 de marzo do 2026 Redacción

WordPress Coruña e o Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), en colaboración coa Universidade da Coruña, organizan o vindeiro 12 de marzo na cidade herculina unha mesa redonda dedicada a analizar o papel das mulleres no ámbito tecnolóxico. A iniciativa enmárcase nas actividades arredor do Día Internacional da Muller e levará por título Error 404: mulleres en tech — fallo do sistema.
O encontro pretende abrir un espazo de reflexión sobre a presenza feminina nun sector no que, malia o incremento de profesionais nos últimos anos, continúa existindo debate sobre o seu peso real, os roles que ocupan e a visibilidade que acadan. O título do acto fai referencia ao coñecido erro 404 da web, empregado simbolicamente para cuestionar por que, en moitas ocasións, as mulleres parecen non atoparse nos lugares onde deberían ter maior presenza dentro da industria tecnolóxica.
Na mesa participarán catro profesionais con perfís diversos vinculados á tecnoloxía, a docencia e a análise de datos. Entre elas atópase Mónica Pérez Sueiro, enxeñeira informática e profesora de formación profesional especializada en redes, deseño web e accesibilidade. Tamén intervirá Ana Rute Mendes, desenvolvedora web brasileira asentada na Coruña e integrante do equipo de Igalia, cunha traxectoria que combina o desenvolvemento front-end co emprendemento educativo.
O panel complétano Estefanía Cordeiro Brión, enxeñeira e analista de datos centrada na relación entre tecnoloxía e negocio, e María José Lara Folgar, doutora en Psicoloxía e investigadora das conexións entre tecnoloxía e creatividade, con proxectos que van desde a bixutería electrónica ata as redes de mensaxería libre baseadas en LoRa e Meshtastic.
A sesión estará moderada por Marta Paz, profesional con máis de dezaseis anos de experiencia no ecosistema WordPress e cunha longa traxectoria en proxectos vinculados á cultura libre, o software libre e o coñecemento aberto.
A charla celebrarase ás 19:30 horas no espazo cultural Normal (Paseo de Ronda, 47, A Coruña). Tras o debate, a organización prevé un encontro informal entre os asistentes acompañado de petiscos e bebidas. As prazas son limitadas e requiren inscrición previa a través de Meetup.