Xiaomi xa vende máis móbiles que Apple en España

mércores, 27 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Cada vez é máis habitual ver nas mans da xente smartphones de marcas chinesas, entre as que destaca especialmente Huawei, que conseguiu unha boa distribución en España, pero o que resulta rechamante agora é que segundo datos de Kantar o cuarto posto en vendas no noso territorio pasaría a Xiaomi, compañía que pese a carecer de distribución e soporte oficial local consegue superar a Apple en volume de teléfonos vendidos.
As compañías que seguen en cabeza son Samsung (25,2% de cota de mercado), Huawei (17%) e Bq (11,9), sorprendendo que Xiaomi teña agora un 8% de cota de mercado cando o ano pasado só tiña un 2,7%. O quinto na listaxe sería Apple, co 7,5% de cota de mercado, mentres que LG pasaría a quedar fóra das 5 principais marcas de smartphones en España.
O crecemento de Xiaomi parece ser consecuencia da boa sona que ten a marca grazas aos usuarios satisfeitos, e incluso a marca está cada vez máis presente a través de vendedores locais que, pese a ter uns prezos moi superiores ao das tendas en liña chinesas, ofrecen 2 anos de garantía.

PUBLICIDADE