Xornada de difusión dos servizos de cloud para empresas no CDT de Galicia

venres, 25 de novembro do 2011 Raquel Noya

Imaxe representativa do cloud computing, vista en Geekandtech.com

O equipo responsable de Imaxin Software, polo momento a única empresa galega que desenvolve software directamente para o xigante Microsoft e que achega solucións tecnolóxicas de seu á medida de cada cliente, vén de comprobar de primeira man a capacidade que ten o Centro Demostrador TIC de Galicia para congregar a un gran número de xente e demostrarlle o potencial das ferramentas alí presentadas, polo que está a organizar neste centro a súa primeira sesión demostradora. Trátase dunha xornada demostradora individual na que se Imaxin lle presentará ás empresas interesadas algúns dos servizos tecnolóxicos de cloud que pon á súa disposición, dos que poden tirar proveito para optimizar tempo e custes. A sesión terá lugar o vindeiro día 1 de decembro a partir das 10:30 horas, e irá destinada especialmente ás persoas responsables de Sistemas de pequenas e medianas empresas do país e responsables de administracións públicas que desexen coñecer de maneira práctica as vantaxes do cloud computing. Xa que logo, Imaxin presentará a plataforma de servizos web de infraestrutura baseada na nube, Amazon Web Services (AWS), que lle ofrece aos seus usuarios potencia informática, capacidade de almacenamento e flexibilidade para usar o modelo de programación que mellor se adaptar ás súas características; e tamén a plataforma Opentrad, líder en servizos de tradución automática en código aberto, que soluciona os problemas de internacionalización que se lle presenten a calquera empresa. A web do Centro Demostrador TIC achega o programa da sesión, que inclúe, entre outros temas, a evolución do cloud computing, os modelos de uso máis habituais e servizos ofrecidos por Amazon Web Services e Opentrad, e exemplos e casos de éxito da man dos seus protagonistas.

PUBLICIDADE