XoveTIC congrega no CITIC a máis de 60 mozos investigadores

xoves, 27 de setembro do 2018 Redacción

O Centro de Investigación TIC (CITIC) da Universidade da Coruña acolle até mañá o I Congreso XoveTIC, no que se dan cita máis de 60 novos investigadores presentando as súas investigacións no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación. A sesión de apertura foi a cargo do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo, mentres que o reitor da UDC, Julio Abalde, será quen clausure o acto no día de mañá.
O obxectivo do XoveTIC, ademais de contribuír na formación dos novos investigadores e fomentar a divulgación científica, é potenciar a cooperación e a colaboración entre Universidades galegas e os seus grupos e investigación, xa que, en palabras do director do CITIC, «os grandes logros conséguense en colaboración». Pola súa banda, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia comprometeuse cos investigadores con que terán todo o apoio por parte do reitorado no seu traballo, asegurando que «o futuro é voso».
Na primeira xornada, ademais das comunicacións orais dos investigadores, tivo lugar unha conferencia plenaria por parte do presidente da Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e catedrático da Universidade de Oviedo, Antonio Baamonde, sobre o papel estratéxico da investigación en informática en España. Tamén se impartirán dous talleres formativos de ciberseguridade e tecnoloxías 5G. Mañá venres, a investigadora do Computer Vision Center e profesora da Universidade de Barcelona, Petia Radeva, ofrecerá unha conferencia sobre visión artificial e aprendizaxe máquina.
Colaboran na organización do congreso o CiTIUS da USC, atlanTTic da UVigo e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Pola súa banda o Clúster TIC Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), o Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) patrocinarán os premios que se outorgarán ás catro mellores comunicacións.

PUBLICIDADE