Xuventude Mentoring beneficiou xa a máis de 1.000 participantes

venres, 11 de abril do 2025 S. P.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, e a directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, participaron esta mañá no encontro coas persoas mentoras do programa Xuventude Mentoring de formación innovadora para o emprego, que tivo lugar na Cidade da Cultura de Galicia coa participación de máis de 100 persoas participantes nalgunha das seis edicións xa celebradas.
Durante o acto, no que se entregaron trofeos conmemorativos a todas as persoas mentoras e titoras, o conselleiro agradeceu o labor altruísta e a implicación na mellora das oportunidades da mocidade galega. “todos os que estades hoxe aquí sodes auténticos referentes para unha xeración que busca camiños, apoio e confianza”. Lembrou que o programa conta cunha taxa media de inserción laboral superior ao 64% e que xa beneficiou a máis de 1.000 participantes.
Xuventude Mentoring é unha iniciativa promovida pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, conta coa colaboración do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia e as tres universidades galegas: Universidade de Santiago de Compostela, Universidade de Vigo e Universidade da Coruña. Ademais, conta co apoio de diversas asociacións profesionais, fundacións, concellos e empresas. Trátase dun programa integral de formación e acompañamento personalizado que busca facilitar a transición da mocidade cara ao mercado laboral. Dirixido a persoas mozas tituladas e inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, ofrece titorías individualizadas, orientación profesional por parte de mentores expertos no seu sector, formación en competencias clave para o emprego (incluíndo habilidades dixitais, Intelixencia Artificial e competencias lingüísticas), así como actividades de networking e visitas a empresas.
A metodoloxía do programa baséase no apoio continuado dunha persoa titora e na vinculación directa co tecido empresarial galego, o que permite coñecer de primeira man o funcionamento do mundo laboral e ampliar redes de contacto profesionais.
“Esta combinación de aprendizaxe práctica, guía profesional e inmersión no ecosistema empresarial converte o programa nunha ferramenta de alto impacto para a empregabilidade xuvenil en Galicia”, salientou o conselleiro.
A Xunta destinou ao programa Xuventude Mentoring máis de 6,5 millóns de euros para a súa execución como parte do programa co-financiado polo FSE+ Galicia 2021–2027. Estes fondos permiten ofrecer formación de calidade, bolsas remuneradas, acompañamento personalizado e o establecemento dunha sólida rede de mentores e empresas colaboradoras en toda Galicia.