Yahoo! comprométese a non estragar Tumblr coa súa compra

luns, 20 de maio do 2013 Marcus Fernández

A compra de Tumblr por parte de Yahoo! vén de anunciarse oficialmente, nunha operación valorada nuns 1.100 millóns de dólares en efectivo e, ante o temor dos usuarios de Tumblr de que o servizo poda verse afectado, co compromiso de non estragalo, de xeito que Tumblr manterá a súa independencia, mantendo o posto de director xeral David Karp.
Actualmente Tumblr conta con máis de 300 millóns de usuarios únicos ao mes e ten unhas 120.000 altas diarias, converténdose nunha das plataformas sociais de maior crecemento do mundo. Tumblr rexistra 900 entradas por segundo e máis da metade dos seus usuarios acceden ao servizo dende o móbil, gañando cada vez unha maior popularidade, polo que a súa absorción por parte de Yahoo! buscarían principalmente agregar as súas visitas para gañar audiencia. Deste xeito, ambas compañías poderán colaborar para crear oportunidades publicitarias e achegar unha mellor experiencia de uso.
A operación de adquisición pretende consolidarse na segunda metade do ano.

PUBLICIDADE