Yoigo lanza a primeira tarifa móbil con chamadas e datos ilimitados

martes, 3 de abril do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos anos destacaban entre as tarifas de Yoigo as que incluían volumes de datos no móbil bastante elevados, como La Sinfín, que incluía 25 GB de datos, que incluso podía combinarse con conexións de fibra óptica dende o fogar, conformando así uns plans que se axustaban a certos usuarios que queren gozar dunha conexión á Internet de calidade no fogar, pero que tampouco queren preocuparse do seu consumo de datos cando están fóra de casa. Coa vista posta neste grupo de usuarios a operadora do Grupo MásMóvil sorprende lanzando a primeira tarifa do mercado español sen limitacións no volume de datos no móbil, asegurando que «dende hoxe, Yoigo é infinito».
A tarifa Fibra + la Sinfín con GB infinitos ofrece por 99 euros/mes móbil con datos e chamadas ilimitadas, teléfono fixo e fibra no fogar, incrementándose o prezo en 10 euros/mes se queremos que a conexión sexa de 300 Mbps e en 30 euros/mes se queremos gozar de 1 Gbps.
Tamén será posible contratar até 3 liñas adicionais con chamadas e datos ilimitados por 9 euros/mes cada unha ou un móbil Samsung Galaxy J7 cun pago único de 9 euros. Tamén teñen previsto completar a oferta con 15 canles de televisión de pagamento con series e películas (Sky) por 9 euros/mes adicionais.

Dispoñible para PEME

Resulta especialmente rechamante o feito de que a nova oferta tamén estea dispoñible para PEME, que por 90 euros + IVE terán fibra, chamadas e datos ilimitados, contando tamén con chamadas de fixos a móbiles nacionais e a fixos internacionais e mensaxes de texto ilimitadas. Tamén poderán engadir liñas móbiles adicionais por 7,44 euros + IVE.

PUBLICIDADE