YouTube si terá aplicación nativa para Vision Pro

luns, 5 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

A chegada das Vision Pro de Apple ás tendas estadounidenses provocou grande expectación a nivel mundial, por dar pé a unha nova gama de produtos da compañía da mazá que promete revolucionar a informática ao apostar pola produtividade en vez de orientarse ao lecer como si fan outros visores de realidade estendida que hai no mercado.
Pero deixando a un lado as primeiras impresións de influentes, as análises de produto na que deixaban claro que estabamos ante unha primeira versión (con decisións de deseño moi discutibles, como o xeito de representar os ollos do usuario ou os materiais que provocan un peso excesivo), ou incluso o propio prezo de venda ao público (que busca reflectir que estamos ante un produto profesional, non orientado ao mercado de consumo), cuestionábanse especialmente algunhas ausencias na oferta de aplicacións, pois Spotify, Netflix e YouTube quixeron apartarse do lanzamento das Vision Pro, o que en boa medida reflicte a mala relación de Apple con algunhas compañías, pero que no caso de YouTube sorprendía especialmente, xa que a propia plataforma de vídeo ten aplicación para Meta Quest, YouTube VR, capaz de amosar vídeo en 3D e en 360 graos, achegando experiencias moi acaídas para o visor de Apple, pero finalmente as dúbidas vanse despexando, e unha voceira de YouTube confirmou que, aínda que de lanzamento só están presentes oficialmente no visor a través de Safari, teñen previsto o desenvolvemento dunha aplicación nativa para Vision Pro.
Cómpre lembrar que YouTube non só hospeda contidos en formatos estereoscópicos e envolventes, senón que tamén xoga un rol moi activo na súa produción (por exemplo, ofrecendo certos festivais musicais de xeito envolvente).
Pero non todo o que chegue a Vision Pro será a través de aplicacións, senón que tamén está previsto que a súa versión de Safari mellore o soporte do estándar WebXR, facilitando así que moitas experiencias de realidade estendida poidan desenvolverse vía web, o que pode resultar moi atractivo dende o punto de vista dos contidos, que dun único xeito poden ofrecerse a plataformas de distintos fabricantes.