Youtubeir@s celebra este 8 de xuño unha xornada de convivencia e creatividade

mércores, 5 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

O certame Youtubeiras.gal, o concurso destinado a ateigar as redes (poñendo o foco no YouTube e na nosa mocidade) de vídeos en galego, ten este mes de xuño dúas grandes citas para xerar máis comunidade youtubeira, impulsar o radio de acción do certame e optimizar ao máximo as contribucións. O concurso, que está mergullado na súa terceira edición (baixo un epígrafe que fala por si só da arela renovada de espallamento: Conéctate á comunidade e multiplícate), celebra este 8 de xuño na Coruña unha cita de convivencia, creatividade e debate. Por certo que quen queira presentar contribucións ao certame ten todo o verán para facelo (até o 27 de setembro).
Unha das grandes novidades deste ano foi a posta en marcha de recursos extra para facer medrar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, amais de fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade que producen contido en Youtube. Froito destes obxectivos convocáronse as dúas xuntanzas devanditas.
A primeira delas, Youtubeir@s en conexión, celebrarase o vindeiro 8 de xuño na Coruña e estará aberta á participación de todas as persoas que no panorama galego creen vídeos no Youtube. A finalidade é achegar un espazo para reflexionar sobre o panorama creativo nesta plataforma dende varios ámbitos, a cuestión lingüística na Rede, a perspectiva temática ou o eido de fomento de públicos. Esta xornada de convivencia, dinamizada por Ben Curiosa (equipo de profesionais ao servizo do coñecemento e a creatividade en común) celebrarase entre as 10.30 e as 13.30 horas no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña (Rúa da Veeduría, 2). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal.
O segundo evento, Lista de reprodución ao vivo, será o 28 de xuño entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela). Esta cita quere emular o espírito das bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Esta será a metodoloxía: cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá facer preguntas e interactuar cos chamados “vídeos vivos”. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). O público que desexe participar deberá inscribirse antes do 26 de xuño a través do correo formación@youtubeiras.gal.
Como lembraremos, no concurso Youtubeir@s están a traballar arreo os servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Rianxo Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua.

PUBLICIDADE