Youtubeir@s convoca dúas xuntanzas para impulsar máis vídeos en galego nas redes

mércores, 22 de maio do 2019 Redacción

O certame Youtubeiras.gal, dirixido a encher as redes de vídeos en galego da nosa mocidade, vai coller impulso con dous grandes encontros de intercambio entre persoas xeradoras de contidos dixitais no Youtube. O obxectivo: motivar a súa vinculación e crear redes conxuntas de traballo. Cómpre lembrar que o concurso atópase a día hoxe na súa terceira edición, baixo o epígrafe Conéctate á comunidade e multiplícate.
O certame vén da man dos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, O Grove, Moaña, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña co obxectivo de fomentar a creación de contidos na Rede na nosa lingua.
Unha das grandes novidades deste ano foi a posta en marcha de recursos extra para facer medrar o número e a calidade de vídeos e persoas creadoras en galego, amais de fortalecer as conexións e as interrelacións da comunidade que producen contido en Youtube. Froito destes obxectivos convocáronse as dúas xuntanzas das que falamos ao comezo deste artigo.
A primeira delas, Youtubeir@s en conexión, celebrarase o vindeiro 8 de xuño na Coruña e estará aberta á participación de todas as persoas que no panorama galego creen vídeos no Youtube. A finalidade é achegar un espazo para reflexionar sobre o panorama creativo nesta plataforma dende varios ámbitos, a cuestión lingüística na Rede, a perspectiva temática ou o eido de fomento de públicos. Esta xornada de convivencia, dinamizada por Ben Curiosa (equipo de profesionais ao servizo do coñecemento e a creatividade en común) celebrarase entre as 10.30 e as 13.30 horas no Centro Cívico Cidade Vella da Coruña (Rúa da Veeduría, 2). As prazas para participar son limitadas e cómpre inscribirse a través de formacion@youtubeiras.gal.
O segundo evento, Lista de reprodución ao vivo, será o 28 de xuño entre ás 18.00 e ás 20.00 horas no edificio CEA (Centro de Estudos Avanzados) da USC (Finca de Vista Alegre, Santiago de Compostela). Esta cita quere emular o espírito das bibliotecas viventes ou mesmo as partidas de xadrez simultáneas, de xeito que as persoas creadoras agardarán no seu posto as visitas dos/as “espectadores/as”. Esta será a metodoloxía: cada youtubeir@ levará temas preparados para analizar e o público, que irá rotando entre os diferentes postos, poderá facer preguntas e interactuar cos chamados “vídeos vivos”. Cada un destes encontros durará un máximo de 20 minutos. Ao final desta rolda individual, abrirase a todo o público para poñer en común e compartir experiencias. O acto estará dinamizado por Xandobela (profesionais da educación e da dinamización sociocultural). O público que desexe participar deberá inscribirse antes do 26 de xuño a través do correo formación@youtubeiras.gal.

PUBLICIDADE