Zeltia Lado expón na Coruña as vantaxes do uso da IA nas oficinas de emprego

martes, 10 de outubro do 2023 Redacción

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, puxo hoxe en valor na Universidade da Coruña as vantaxes de Emprego Intelixencia Artificial (EMI), a nova ferramenta que a Xunta está a implantar na rede de oficinas de emprego de Galicia co propósito de axustar oferta e demanda de traballo. Lado explicou o obxectivo desta iniciativa na súa intervención no relatorio A iniciativa de emprego intelixente (EMI) na Xornada sobre cualificacións e habilidades na intelixencia artificial e a dixitalización avanzada, que organizou o CITIC e o grupo Jean Monnet de Competencia e Desenvolvemento (GCD) da Universidade da Coruña.
A directora xeral sinalou que a Administración autonómica está a acometer un ambicioso proceso de modernización que, entre outras vantaxes, está a permitir casar oferta con demanda laboral, dando resposta ás necesidades de persoal traballador do tecido produtivo co reto de dar resposta ás vacantes laborais.
Así, a nova ferramenta tecnolóxica EMi (Emprego Intelixente), baseada na intelixencia artificial, pretende axustar en tempo real as demandas de man de obra do tecido produtivo aos perfís das persoas demandantes rexistradas polo servizo público. Trátase de aproveitar as posibilidades que brindan a intelixencia artificial e a analítica avanzada para favorecer a xeración de máis e mellor emprego en Galicia.

PUBLICIDADE