Zuckerberg recoñece o dereito dos usuarios a controlar o que se fai cos seus datos

mércores, 11 de abril do 2018 Marcus Fernández

Durante os últimos dous días a atención mediática de boa parte do mundo estivo posta nas declaracións de Mark Zuckerberg ante unha comisión do Senado dos EE.UU. como consecuencia ao escándalo de Cambridge Analytica, comparecencias que moitas voces consideraron unha oportunidade perdida para acoutar as actividades de Facebook, e que finalmente quedaron nunha serie de respostas por parte do máximo responsable da compañía que non engadiron practicamente nada fronte ao comunicado oficial publicado inicialmente por Facebook.
Resultou bastante curioso ver como boa parte dos senadores que participaron no interrogatorio a Zuckerberg descoñecían o funcionamento de Facebook e basicamente da Internet en xeral, de xeito que as súas intervencións e respostas posteriores foron unha completa perda de tempo de cara ao proceso, mentres que deixaba en evidencia cara á opinión pública os motivos polo que os lexisladores non están a actuar en relación á protección dos datos dos cidadáns na Internet: simplemente son totalmente alleos ao contexto actual.
Zuckerberg incluso tivo que responder a lendas urbanas, como a de que Facebook espiaba as conversas telefónicas dos seus usuarios, e cando recibiu preguntas máis incisivas, como ao abordarse problemáticas na súa plataforma como o tratamento dos discursos de odio, Zuckerberg asegurou confiar en que co tempo a intelixencia artificial será dabondo para mitigar a situación.
Pero cando si conseguiron pór contra as cordas a Zuckerberg foi cando puxeron de manifesto o poder monopolístico de Facebook, sendo incapaz o fundador da empresa de citar a un competidor directo da mesma, tentando esquivar as acusacións de monopolio asegurando que realmente teñen moitos competidores, aínda que con servizos diferentes. Resulta innegable que no mercado occidental se queremos abandonar Facebook actualmente non existe unha alternativa, e curiosamente as outras plataformas populares de comunicación social (Instagram e WhatsApp) son tamén propiedade de Facebook, polo que teñen un poder no mercado das redes sociais ante o que é moi probable que os lexisladores teñan que tomar medidas no futuro.
Nas declaracións de Zuckerberg realizadas hoxe si puideron percibirse certas dificultades para poder saír ben parado ante as preguntas sobre os perfís sombra, ou sexa, a recompilación de datos de persoas que non son realmente usuarios de Facebook, ante o que Zuckerberg tivo que recorrer a xustificacións a nivel de seguridade, e incluso afirmou certa ignorancia sobre o tema (algo bastante difícil de crer). De feito, foron moitas as preguntas incómodas ou complexas para as que Zuckerberg respondeu directamente dicindo que non tiña resposta.
Pero se algo bo puido saír de toda esta posta en escena é que Mark Zuckerberg recoñeceu que a entrada en vigor o vindeiro 25 de maio da GDPR (Regulamento Xeral de Protección de Datos para a Unión Europea) vai beneficiar a usuarios de Facebook en case todo o mundo, xa que estenderán boa parte das proteccións dos usuarios esixidas no territorio europeo ao resto do planeta, cando menos en espírito, dando a entender que o regulamento europeo podería converterse en todo un estándar para a protección de datos persoais, xa que os usuarios de todo o mundo deberían ter a opción de controlar os seus datos.

PUBLICIDADE