A XGN R Encounter recuperará o seu formato completo

venres, 30 de setembro do 2022 Redacción

A XGN R Encounter 2022 celebrará a súa 22ª edición entre os días 7 ao 9 de outubro na Feira Internacional de Galicia ABANCA xuntando a profesionais e afeccionados á informática e ás TIC nunha LAN party que recupera o seu formato completo co contar tamén cunha área de acceso libre no recinto, con actividades que na pasada edición tiveran que realizarse en liña por mor das restricións sanitarias.
O encontro incluirá este ano as súas zonas habituais nos dous pavillóns principais da Feira Internacional de Galicia ABANCA, con 10.000 metros cadrados cada un deles. A Intranet, orientada a rexistrados, permitiralles desfrutar durante os tres días dun posto con dereito a acampar e a participar en actividades exclusivas, mentres que a Extranet (área de acceso libre) ofrecerá os dous primeiros días un completo programa de propostas tanto para rexistrados como para quen visite o recinto ocasionalmente.
A Feira Internacional de Galicia ABANCA está inmersa na organización desta cita, que volverá destacar polas súas altas prestacións ao contar con 20 Gbps de velocidade no recinto achegado por R, compañía patrocinadora oficial do evento, que tamén conta co apoio da Consellería de Política Social e Xuventude da Xunta de Galicia.

PUBLICIDADE