O DualSense Edge venderase a 239,99 euros

martes, 18 de outubro do 2022 Marcus Fernández

No verán presentáronse os mandos sen fíos DualSense Edge para PlayStation 5, que serían o primeiro achegamento de Sony a uns mandos de alto rendemento e moi personalizables para consolas PlayStation, na liña dos mandos Elite de Xbox, e agora anuncian que este dispositivo estará dispoñible a nivel global o 26 de xaneiro, iniciándose as reservas o vindeiro día 25, resultando extraordinariamente sorprendente o prezo deste novo mando, que finalmente venderase a 239,99 euros, mentres que os seus módulos de joystick intercambiables estarán dispoñibles por 24,99 euros.
Este prezo pillou bastante por sorpresa porque un mando DualSense normal ten un prezo duns 70 euros, mentres que os mandos Elite de Xbox custan 179,99 euros na súa edición normal e 129,99 euros na súa nova edición básica, ou sexa, que Sony, en vez de procurar facer o seu novo mando un produto accesible foi polo camiño contrario.
O novo mando sen fíos DualSense Edge véndese cun cable trenzado USB, 2 tapas estándar, 2 tapas domo altas, 2 tapas domo baixas, 2 botóns posteriores medio domo, 2 botóns posteriores tipo panca, carcasa do conector e estoxo de transporte, buscando así converterse nunha solución ideal para usuarios que requiren un alto nivel de personalización dos seus mandos, aínda que o prezo de venda deste accesorio probablemente bote atrás a moitos xogadores que verán difícil xustificar un investimento tan elevado.

O mando DualSense Edge inclúen numerosos elementos para a súa personalización

PUBLICIDADE