A Administración galega lanza unha ferramenta para consultarmos o DOG dende o móbil

martes, 7 de xaneiro do 2014 Redacción

Imaxe da aplicación para Android

Para quen empregue o móbil para as súas comunicacións coa Administración autonómica, dicirlle que este ano comeza con novos recursos ao respecto. Máis polo miúdo, comeza cunha nova aplicación para dispositivos móbiles do Diario Oficial de Galicia (DOG). Segundo informa o Goberno galego, “esta ferramenta facilita a consulta da información do DOG en calquera intre e lugar desde un smartphone ou tablet con sistema operativo Android ou iOS”. A aplicación foi lanzada co comezo do ano e pode descargarse de Google Play para Android e da App Store para iOS.
A ferramenta actualízase de continuo coa reutilización da información procedente da edición electrónica do Diario Oficial de Galicia que se publica no portal www.xunta.es. Está dispoñíbel tanto en galego como en castelán. Segundo engaden fontes da Xunta, a aplicación posibilita consultas do mesmo xeito cá través da web, coas opcións de acceder ao último diario dispoñíbel, realizar unha busca para unha data concreta e consultar o contido directamente na aplicación e descargalo en formato PDF.

Capturas de pantalla da versión para iPhone da nova aplicación

A idea, polo tanto, foi a de introducir con este desenvolvemento máis facilitade de uso, máis accesibilidade e máis marxe de manobra para o cidadán. En palabras do Goberno galego, o DOG permite filtrar información por sección (disposicións xerais, autoridades e persoal, anuncios...), por rango (lei, decreto, orde, resolución...), por área temática (ensino e formación; medio ambiente; ciencia e tecnoloxía; economía, empresa e emprego...) e por colectivo ao que van dirixidos os anuncios (autónomos/as, desempregados/as, empresas, emigrantes, pais e nais...). Esta ferramenta é a número dez das aplicacións móbiles achegadas pola Administración autonómica para diferentes sistemas operativos. Está accesíbel no espazo Xunta, onde se amosan os restantes recursos móbiles autonómicos, todos desenvolvidos e coordinados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).
Lembrar que o catálogo de aplicacións móbiles da Xunta de Galicia inclúe xa aplicacións para demandantes de emprego (Mobem), para o ámbito educativo (abalarMóbil), para a mocidade (Carné Xove), relacionadas coa meteoroloxía (Meteogalicia, MeteoRoute) e co turismo (Enoturismo, Sendegal, Turismo de Galicia, Bono Iacobus). Segundo informa AMTEGA, dende o pasado máis de xullo estas aplicacións suman máis de 39.000 descargas.